- Con esta partida, suman 450 os recipientes entregados, de forma gratuíta, pola Sociedade pública ao ente supramunicipal
- Con capacidade para 400 litros e fabricados con materiais reciclados e reciclables, os composteiros constitúen un elemento de apoio no proceso de elaboración de compost ao facelo máis cómodo, hixiénico e eficiente
Cerceda, a 11 de marzo de 2024.- Atendendo á solicitude da Mancomunidade do Morrazo, Sogama remite esta semana á entidade un total de 150 composteiros a fin de que sexan distribuídos entre outras tantas vivendas unifamiliares que dispoñan de terreo (horta, xardín ou terras de cultivo) no que aplicar o compost resultante.
Con esta nova partida, son un total de 450 os composteiros que Sogama entrega de forma gratuíta ao ente supramunicipal co fin de propiciar que as familias autoxestionen a súa propia materia orgánica e a poñan en valor mediante a súa transformación nun abono de alta calidade que, ademais de achegar nutrientes ao solo, protéxeo fronte a pragas e enfermidades.
Con capacidade para 400 litros e fabricados con materiais reciclados e reciclables, os composteiros constitúen un importante elemento de apoio no proceso de elaboración de compost ao facelo máis cómodo, hixiénico e eficiente.
Así mesmo, a autocompostaxe considérase unha medida esencial de prevención e redución de residuos en orixe. Dado que a materia orgánica vén a representar, na composición media dunha bolsa de lixo tipo xerada no fogar, entre o 37 e o 40%, se esta fracción se valoriza nas propias vivendas, evítase o seu depósito en contedor, coa conseguinte diminución dos custos de transporte e tratamento. Non en balde, a compostaxe doméstica constitúe todo un exemplo de economía circular.
Recursos de apoio
Sogama pon ao dispór dos usuarios un microsite https://www.sogama.gal/compostaxe/gl/ no que se explica que é a compostaxe doméstica, os seus beneficios, tanto ambientais como económicos e sociais, cal é o proceso técnico a levar a cabo, que materiais deben, e non deben, depositarse no composteiro, e cales son as dúbidas e preguntas máis frecuentes, dando solución ás mesmas. E todo isto complementado con recursos didácticos de apoio tales como manuais de autocompostaxe e vídeos.
Máis de 21.600 composteiros repartidos
A día de hoxe, un total de 462 entidades (227 concellos, 203 centros educativos e 32 colectivos sociais) están adscritas ao programa de compostaxe doméstica de Sogama, tendo repartido entre as mesmas, e de forma gratuíta, máis de 21.600 composteiros.
Saúdos, Departamento de Comunicación