- No marco do Día Mundial dos Docentes, que se celebra hoxe, a empresa pública pon de relevo o encomiable labor que o profesorado leva a cabo para crear conciencia ao redor da necesidade de protexer o medio ambiente desde a corresponsabilidade.
- O seu presidente, Javier Domínguez, quixo agradecer “as atencións coas que sempre nos obsequian os docentes” e salientou o seu traballo incansable na educación ambiental.
- Así mesmo, mostrou a súa gratitude pola complicidade do profesorado nas campañas educativas e pedagóxicas promovidas por Sogama para avanzar cara a “un futuro máis próspero e sostible para os nosos fillos”.
Cerceda, a 5 de outubro de 2022.- No marco do Día Mundial dos Docentes, convocado en colaboración con UNICEF, a Organización Internacional do Traballo e a Internacional da Educación, e que se celebra hoxe mesmo, Sogama quere poñer de relevo o interese e esforzo do profesorado galego na educación ambiental dos seus pupilos.
A entidade pública, comprometida desde a súa creación coa formación e sensibilización ambiental dos escolares na xestión sostible dos residuos urbanos, e, máis concretamente, na práctica diaria da estratexia dos tres erres (Redución, Reutilización e Reciclaxe), puido comprobar de primeira man, e ao longo de todo este tempo, o encomiable labor que os docentes levan a cabo para crear conciencia ao redor da necesidade de protexer o medio ambiente desde a corresponsabilidade, garantindo con isto un mundo mellor. Así, o coidado da contorna e a solidariedade coa mesma forma parte dos valores que as escolas da nosa comunidade pretenden transmitir aos alumnos e, polo tanto, ás súas familias e contorna social.
O presidente executivo de Sogama, Javier Domínguez Lino, quixo aproveitar esta xornada para agradecer “as atencións coas que sempre nos obsequian os docentes”, salientando o seu traballo incansable na educación ambiental”. Así mesmo, mostrou a súa máis sincera gratitude pola “complicidade” do profesorado nas campañas educativas e pedagóxicas promovidas por Sogama para avanzar cara a “un futuro máis próspero e sostible para os nosos fillos”.
A UNESCO considera que se trata dun día para celebrar como os docentes están a transformar a educación, para reflexionar sobre o apoio que precisan para despregar en toda a súa amplitude o seu talento e vocación, e tamén para repensar o camiño que queda por diante con respecto á profesión a nivel mundial.
CUME SOBRE A TRANSFORMACIÓN DA EDUCACIÓN
Celebrado anualmente o 5 de outubro desde 1994, o Día Mundial das e os Docentes conmemora o aniversario da subscrición da Recomendación da OIT e a UNESCO relativa á Situación do Persoal Docente (1966). A temática deste ano “A transformación da educación comeza coas e os docentes”, aborda os compromisos e chamadas á acción realizados no Cume sobre a Transformación da Educación en setembro de 2022, analizando as implicacións que teñen para o profesorado e o ensino.
Fonte: UNESCO
Saúdos, Departamento de Comunicación