- A sesión formativa terá lugar mañá, día 26, ás 12:30 horas, na Escola Politécnica, e na mesma explicarase o proceso de compostaxe da materia orgánica, tanto doméstica como industrial, así coma os beneficios do compost resultante
- Os asistentes serán obsequiados con varios packs de bolsas compostables
- Cofinanciado polo FEDER a través do Programa Interreg V-A España-Portugal (POCTEP) 2014-2020, forman parte deste proxecto, en calidade de socios, a propia USC, ademais de Sogama e a Universidade do Minho (Portugal)
Cerceda, a 25 de abril de 2023.- Se a pasada semana eran os universitarios do Campus Vida de Santiago de Compostela os que asistían a unha sesión formativa para coñecer o alcance e obxectivos do proxecto europeo Res4VALOR (Redución, reutilización, reciclado e revalorización de residuos orgánicos), cofinanciado polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) a través do Programa Interreg V-A España-Portugal (POCTEP) 2014-2020, mañá, 26 de abril, serán os estudantes do Campus Universitario de Lugo os que terán a oportunidade de adentrarse nos detalles dun proxecto no que participan, en calidade de socios, a propia USC, ademais de Sogama e a Universidade do Minho (Portugal).
A charla, impartida por técnicos ao servizo desta empresa pública, celebrarase, ás 12:30 h, na Escola Politécnica (EPSE), e na mesma explicarase o proceso de compostaxe da materia orgánica, tanto doméstica como industrial, e os beneficios do compost resultante sobre a estrutura e saúde do solo.
Os asistentes serán obsequiados con varios packs de bolsas compostables.
REDE DE INFRAESTRUTURAS
Así mesmo, abordarase o marco normativo de referencia e daranse unhas pinceladas sobre a implantación do contedor marrón en Galicia e a rede de infraestruturas que se habilitará para o tratamento da materia orgánica, e que estará conformada por 4 plantas de biorresiduos (Cerceda, xa en funcionamento; Cervo, en Lugo, que entrará en operación o próximo 1 de xuño; Verín, en Ourense, que o fará na mesma data; e Vilanova de Arousa, en Pontevedra, que arrincará durante o segundo semestre do ano en curso) e 13 plantas de transferencia de apoio.
Esta rede, que se atopa executando Sogama e á que se destina un investimento de 40 millóns de euros (procedendo 30 millóns dos Fondos FEDER REACT EU como resposta da Unión Europea á crise do Covid-19), porase ao servizo dos concellos adheridos ao seu sistema (295) a fin de que estes dispoñan dunha planta de biorresiduos ou de transferencia a menos de 50 km de distancia.
FORMACIÓN E CONCIENCIACIÓN
Falarase tamén da importancia transcendental dunha correcta selección dos residuos orgánicos en orixe e o seu posterior depósito no contedor marrón e/ou composteiro co obxectivo de obter un compost de alta calidade que poida ser aplicado ao solo con garantías e sen restricións. Neste sentido, profundarase na composición do compost, as súas aplicacións e todas aquelas cuestións de carácter técnico que poidan resultar de maior interese para a comunidade universitaria.
Cabe lembrar que, no caso da provincia de Lugo, un total de 93 entidades (45 Concellos, 38 centros escolares e 10 colectivos sociais) están adscritas ao programa de compostaxe doméstica de Sogama, tendo repartido entre as mesmas, e de forma gratuíta, 4.050 composteiro (con capacidade para 390-400 litros e fabricados con materiais reciclados e reciclables), ademais de encargarse a compañía de impartir a formación pertinente e de editar o correspondente material didáctico e divulgativo.
Saúdos, Departamento de Comunicación