
-
A sesión informativa e formativa dirixiuse a mozos e docentes de 4º de ESO, enmarcándose na conmemoración do Día Mundial do Medio Ambiente
Cerceda, a 7 de xuño de 2024.- No marco do Día Mundial do Medio Ambiente, que tivo lugar o pasado 5 de xuño, o alumnado de 4º de ESO do IES Arcebispo Xelmírez de Santiago de Compostela participou nunha sesión formativa impartida por persoal de Sogama para explicar o sistema de xestión de residuos desta empresa pública, baseado na aplicación prioritaria do principio europeo dos tres erres (redución, reutilización e reciclaxe) e complementado coa recuperación enerxética da parte non reciclable.
Con implantación en 295 concellos galegos, entre os que se inclúe o de Santiago, no transcurso da charla detallouse a viaxe que realizan os refugallos que se atopan baixo a competencia desta empresa pública, desde que se recollen e se transportan ata as súas instalacións por parte dos servizos municipais ata que se tratan no complexo industrial de Cerceda.
No caso da bolsa amarela, os envases selecciónanse por tipoloxías na planta de clasificación para ser remitidos á industria recicladora. A bolsa negra, ou fracción non reciclable, tamén é sometida a un proceso de segregación para “rescatar” os materiais que, polas súas características, poden ser reciclados, transformando o resto nun combustible CDR para ser convertido en electricidade.
Pola súa banda, a materia orgánica recibe tratamento na planta de compostaxe de Areosa, tamén en Cerceda, sendo transformada en compost, un fertilizante natural con excelentes propiedades para o solo.
Saúdos, Departamento de Comunicación