- Técnicos especializados impartiron esta semana unha sesión en liña para explicar á parte portuguesa a dinámica a seguir na compostaxe da materia orgánica xerada no Campus, así coma os aspectos a ter en conta para obter un abono de alta calidade que será aplicado nos xardíns universitarios
Cerceda, ao 8 de xuño de 2023.- Técnicos ao servizo de Sogama impartiron esta semana unha sesión en liña dirixida a representantes da Universidade do Minho (Portugal), socio do proxecto Res4VALOR, do mesmo xeito que a USC e a Sociedade Galega do Medio Ambiente, para explicarlles a operativa que se está a seguir no piloto de autocompostaxe implantando nas inmediacións da Escola Técnica Superior de Enxeñería (ETSE) do Campus Vida de Santiago e que se replicará na Universidade do Minho.
A través da charla virtual, á que tamén se sumou o persoal da USC e de Sogama directamente implicado no proxecto, detallouse o proceso que debe seguirse desde a propia separación dos residuos orgánicos en orixe ata o seu depósito no composteiro universitario, resultando necesario efectuar unha correcta mestura entre a fracción húmida (restos de alimentos) e seca (restos de poda), ademais de levar a cabo un control de parámetros tales como o osíxeno, a temperatura e a humidade.
O obxectivo último é obter un compost de alta calidade que poida ser aplicado nos xardíns universitarios con absolutas garantías e sen restricións, conforme á normativa vixente en cada caso, pechando así o ciclo de aproveitamento da materia orgánica mediante a súa transformación nun recurso de alto valor, que neste caso é un abono natural con importantes propiedades fertilizantes para o solo.
A xornada foi aproveitada para lembrar os aspectos máis relevantes do Proxecto Res4VALOR (Redución, reutilización, reciclado e revalorización de residuos orgánicos), cofinanciado polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) a través do Programa Interreg V-A España-Portugal (POCTEP) 2014-2020, e cuxo obxectivo é desenvolver accións de capitalización de resultados do proxecto Res2 ValHum (“Valorización de residuos orgánicos: produción de substancias húmicas”).
Información e concienciación
Máis aló desta sesión formativa específica, Sogama impartiu outras dirixidas á veciñanza dos concellos da provincia da Coruña que xa implantaron o contedor marrón e que entregan a fracción orgánica na planta de biorresiduos de Sogama en Cerceda. Ademais, dase a circunstancia de que estes entes locais tamén se sumaron no seu momento ao programa de compostaxe doméstica impulsado por esta empresa pública para que as familias interesadas puideran autoxestionar os restos orgánicos na propia vivenda, utilizando o abono resultante nos seus xardíns, hortas e terras de cultivo, como substituto dos fertilizantes artificiais.
Na súa modalidade doméstica e/o industrial, a valorización da materia orgánica trae consigo importantes beneficios ambientais, económicos e sociais.
Saúdos, Departamente de Comunicación