- Logo de ter remitido o pasado mes 50 composteiros ao Concello, Impartiu esta semana unha sesión formativa para detallar o proceso de autoxestión da materia orgánica e resolver dúbidas dos usuarios
Cerceda, a 31 de maio de 2024.- Logo do envío de 50 composteiros ao Concello do Carballiño (Ourense) para que poida ampliar o programa de autoxestión da materia orgánica a novas vivendas, técnicos ao servizo de Sogama impartiron esta semana unha sesión formativa na Casa da Cultura para explicar os pormenores desta iniciativa.
Máis aló de expoñer as vantaxes ambientais derivadas da transformación dos residuos orgánicos en compost, un abono natural con beneficiosas propiedades para o solo ao achegarlle nutrientes e preservalo fronte a pragas e enfermidades, detallouse o proceso a seguir: desde a propia montaxe do composteiro e colocación do mesmo no exterior da vivenda, nunha zona protexida das inclemencias meteorolóxicas e en contacto directo coa terra para facilitar a entrada dos microorganismos descompoñedores, ata a relación de refugallos que deben, e non deben, depositarse no mesmo, así coma o control da mestura, debendo haber unha proporción equilibrada entre materia seca e húmida.
Así mesmo, insistiuse en supervisar parámetros de gran importancia tales como o osíxeno, a humidade e a temperatura, dada a súa incidencia no resultado final.
O obxectivo último é que os usuarios valoricen a materia orgánica que producen cada día nos seus fogares e que, a partir da mesma, obteñan un compost de alta calidade que poidan aplicar nas súas hortas, xardíns e terras de cultivos con garantías e sen restricións, cumprindo cos requisitos contemplados na lexislación vixente.
Dado que se trata dunha práctica tradicional no medio rural e os asistentes coñecían a dinámica, efectuaron poucas consultas, orientadas en todo caso á obtención dun fertilizante natural que cumpra a súa función.
Saúdos, Departamento de Comunicación