- Co lema “Compostar para reducir e reciclar os nosos residuos”, a sesión formativa celebrarase mañá, 10 de maio, dentro do programa de actividades e eventos “Química Activa”
- Previamente, levarase a cabo, na Escola Técnica Superior de Enxeñaría, unha sesión formativa teórico-práctica orientada a aquelas persoas máis involucradas no piloto a desenvolver no Campus Vida, isto é, persoal de cafetería, xardinería e Vicerreitorado
- O persoal da cafetería adscrita á ETSE será o encargado de trasladar os restos orgánicos á área de compostaxe localizada nas inmediacións da Escola para que se transformen en compost, un abono natural que o servizo de xardinería utilizará nas zonas verdes do Campus
Cerceda, a 9 de maio de 2023.- Baixo o lema “Compostar para reducir e reciclar os nosos residuos”, persoal técnico de Sogama impartirá mañá, mércores, 10 de maio (de 13:00 a 14:00 h), na Facultade de Química do Campus Vida da Universidade de Santiago de Compostela, unha charla informativa sobre o proxecto europeo de cooperación transfronteiriza Res4VALOR (Redución, reutilización, reciclado e revalorización de residuos orgánicos), contemplada no programa de actividades e eventos “Química Activa”.
No transcurso da mesma daranse a coñecer os datos máis relevantes do proxecto, no que Sogama participa en calidade de socio, xunto coa propia USC e a Universidade do Minho (Portugal), e explicaranse os pormenores do proceso de compostaxe, tanto doméstica como industrial, as características e aplicacións do compost resultante, así coma os beneficios que este tratamento da materia orgánica reporta a nivel ambiental, económico e social.
ECONOMÍA CIRCULAR NA SÚA MÁXIMA EXPRESIÓN
Con carácter previo, concretamente ás 11:00 horas, os mesmos técnicos levarán a cabo unha sesión formativa na Escola Técnica Superior de Enxeñaría que estará orientada ás persoas máis directamente implicadas no piloto a desenvolver no Campus Vida, isto é, o persoal adscrito á cafetería da ETSE, así como o de xardinería e o de Vicerreitorado. Foron convocados a esta cita para que poidan coñecer e interiorizar o alcance de Res4VALOR, así como a dinámica que se seguirá na área de compostaxe localizada nas inmediacións da Escola e onde o persoal da cafetería trasladará os residuos orgánicos depositados previamente polos seus clientes en cubos específicos para introducilos no composteiro e convertelos en compost, un abono natural que, posteriormente, o servizo de xardinería utilizará nas zonas verdes do Campus, en substitución dos fertilizantes artificiais.
Desta forma, péchase o ciclo de recuperación dos residuos orgánicos, que regresan á terra en forma de abono para dar unha nova vida, constituíndo este todo un exemplo de economía circular.
SOBRE RES4VALOR
Cofiinanciado polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) a través do Programa Interreg V-A España-Portugal (POCTEP) 2014-2020, o obxectivo deste proxecto é desenvolver accións de capitalización de resultados do proxecto Res2ValHum (“Valorización de residuos orgánicos: produción de substancias húmicas”).
Saúdos, Departamento de Comunicación