- Baixo o título “O valor oculto dos residuos, oportunidades para Latinoamérica e o Caribe”, arrinca hoxe mesmo e culminará o vindeiro mércores, 24 de febreiro.
- O obxectivo desta iniciativa, que conta tamén co apoio da Embaixada de España en Guatemala e a AECID, é trasladar unha nova visión sobre os refugallos xerados no ámbito doméstico, agrícola e industrial, concibíndoos como verdadeiros recursos para producir enerxía, calor e obter produtos de valor engadido.
- Será Pedro Alcázar Arévalo, Xefe de Control Técnico e Económico, Calidade e Medio Ambiente de Sogama, o encargado de dar a coñecer os detalles do papel que desempeña esta empresa pública na valorización enerxética da fracción non reciclable contida no lixo.
Cerceda, a 22 de febreIro de 2021.- Sogama foi convidada a participar no webinar que, baixo o título “O valor oculto dos residuos, oportunidades para Latinoamérica e o Caribe”, arrinca hoxe mesmo e culminará o vindeiro mércores, 24 de febreiro.
O obxectivo desta iniciativa, promovida polo CIEMAT (Centro de Investigacións Enerxéticas, Ambientais e Tecnolóxicas de España, adscrito ao Ministerio de Ciencia e Innovación) e o Centro de Formación da Cooperación Española en La Antigua, contando co apoio da Embaixada de España en Guatemala e a AECID, é trasladar unha nova visión sobre os residuos xerados no ámbito doméstico, agrícola e industrial, concibíndoos como verdadeiros recursos para producir enerxía, calor e obter produtos de valor engadido tales como biocombustibles ou produtos químicos.
O aproveitamento da biomasa residual e os residuos como fonte renovable para a agricultura e a agroindustria, constitúe unha gran oportunidade para o desenvolvemento sostible en América Latina e o Caribe, que aspira a crecer economicamente, pero dunha forma respectuosa co medio ambiente e xusta desde a dimensión social, facendo fronte á desigualdade que impera actualmente na rexión.
O webinar desenvolverase en tres xornadas de dúas horas de duración cada unha, moderadas por expertos. As dúas primeiras sesións, a celebrar no día de hoxe, centraranse na xestión sostible de residuos desde a dimensión lexislativa, económica e ambiental, e estarán protagonizadas por representantes do CIEMAT. Nas mesmas abordaranse as oportunidades da valorización enerxética, termoquímica e bioquímica dos residuos, o potencial das biorrefinerías no marco da economía circular, así como a dixestión anaerobia e tratamento/xestión de dixestatos.
SOGAMA, EXEMPLO A SEGUIR
A terceira e cuarta sesión, a desenvolver os días 23 e 24, orientaranse a expoñer casos prácticos no ámbito da Dixestión e o Roteiro Termoquímico.
Entidades de Colombia, Arxentina, Chile e España darán a coñecer a súa actividade, proxectos e investigacións. No caso de Sogama, será Pedro Alcázar Arévalo, Xefe de Control Técnico e Económico, Calidade e Medio Ambiente, quen explicará os detalles do labor de Sogama e o papel que esta empresa pública desempeña na valorización enerxética da fracción non reciclable contida nos residuos.
O ciclo de relatorios chegará ao seu fin coa intervención de Jordi Pon Peñalba, Coordinador Rexional de Químicos, Residuos e Calidade do Aire da oficina do PNUMA (Programa das Nacións Unidas para o Medio Ambiente) para América Latina e o Caribe.
Saúdos, Departamento de Comunicación