- O CEIP Plurilingüe Pedro Caselles Rollán de Xove (Lugo) proclamouse vencedor cun merecido primeiro posto polo seu cartel “Planeta só temos un, usa o sentido común”
- O segundo e terceiro posto recaeron, respectivamente, no CEIP Pintor Laxeiro de Vigo e no Colexio Plurilingüe Divina Pastora MM Franciscanas de Ourense
- Mentres que o 1º clasificado será gratificado con 1.300 euros, o 2º e 3º recibirán 1.000 e 700 euros, debendo destinar estes importes económicos a materiais e/ou accións educativas
- Este certame emerxe do programa educativo “Recíclate con Sogama” 2022-2023, que ten por obxecto levar á práctica, nos 20 centros participantes, o principio dos tres erres (reducir, reutilizar e reciclar)
Cerceda, a 16 de maio de 2023.- No marco do Día Internacional da Reciclaxe, que se celebrará mañá, 17 de maio, xunto co Día das Letras Galegas, Sogama fai pública a relación de centros escolares adscritos ao programa “Recíclate con Sogama” 2022-2023, que resultaron premiados no concurso sobre carteis promocionais da reciclaxe. Son os seguintes:
O 1º premio, dotado con 1.300 euros, recaeu no CEIP Plurilingüe Pedro Caselles Rollán de Xove (Lugo), polo seu cartel “Planeta só temos un, usa o sentido común”. No mesmo aseguran que a humanidade dispón de moi pouco tempo para cambiar moitas cousas, pero, ao seu xuízo, “Non necesitamos unhas poucas persoas que o fagan de forma perfecta, senón a miles de persoas facéndoo de forma imperfecta”, ao que engaden “Reciclar non é nada duro e aseguramos o futuro; por un mundo mellor, recicla, por favor”.
O 2º premio, con 1.000 euros, foise para Vigo, concretamente ao CEIP Pintor Laxeiro polo seu cartel “Ecolaxeiro”, que representa a figura dun paxaro confeccionado cun conxunto de plumas elaboradas polo alumnado con material reciclado. O mural simboliza a liberdade dun paxaro que habita nun mundo ideal no que os Ecolaxeiros aplican cada día o principio europeo dos tres erres (reducir, reutilizar e reciclar), tanto na escola, como na súa casa e tempo de lecer, para conseguir entre todos “un planeta cheo de vida que permita voar moi alto”.
O 3º premio, con 700 euros, levoullo o Colexio Plurilingüe Divina Pastora-MM Franciscanas, de Ourense. Co lema “Se un bo planeta queres ter, reciclar é o que tes que facer”, o seu traballo pretende transmitir que, dada a elevada xeración de lixo, o reciclaxe constitúe un hábito de primeira necesidade para poder gozar dunha contorna limpa e saudable.
Os importes económicos dos tres premios deben ser destinados polos centros a materiais e/ou accións educativas.
O xurado, conformado por membros da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, e de Sogama, valoraron, entre outras cuestións, a calidade dos carteis presentados, a creatividade e a orixinalidade dos mesmos, a mensaxe ambiental transmitida co obxectivo de lograr un impacto positivo na concienciación social da poboación e a claridade da redacción do texto explicativo para facilitar a súa comprensión.
10 ANOS FOMENTANDO A RECICLAXE NAS AULAS
Recíclate con Sogama é un programa educativo canalizado a través do Plan Proxecta da Xunta de Galicia, en vigor desde hai 10 anos, cuxo obxectivo é instaurar a recollida selectiva de residuos nas aulas e formar ao alumnado no principio dos tres erres (redución, reutilización e reciclaxe).
Con tal fin, Sogama proporciona a cada un dos centros escolares participantes en cada edición (este curso académico son 20 colexios das catro provincias) unha illa de reciclaxe conformada por tres contedores (azul, para o papel e cartón; amarelo, para os envases de plástico, latas e briks; e xenérico, para a fracción resto), ademais dun composteiro para aqueles que dispoñan de servizo de comedor ou que xeren unha cantidade importante de orgánicos procedentes das merendas do alumnado, así como de terreo (horta ou xardín) para a aplicación do compost resultante.
Igualmente, a compañía entrega a cada colexio material didáctico de apoio e imparte formación a través de educadores especializados, quen se encargan tamén de realizar visitas de seguimento para comprobar a evolución dos proxectos de reciclaxe, resolver dúbidas e corrixir erros.
A final de curso, os centros deben presentar unha memoria de actividades a través da aplicación informática do Plan Proxecta, que será avaliada e cualificada por Sogama e a propia Consellería de Educación.
Saúdos, Departamento de Comunicación