- No Día Internacional da Loita contra o Cancro de Mama, esta empresa pública quere mostrar o seu apoio ás persoas afectadas por esta enfermidade
Cerceda, a 19 de outubro de 2023.- No Día Internacional da Loita contra o Cancro de Mama, Sogama quere mostrar o seu apoio ás persoas afectadas por esta enfermidade e facer unha chamada á prevención para poñer coto a un dos problemas de saúde máis agresivos para a vida das mulleres.
Segundo os últimos datos recollidos pola Sociedade Española de Oncoloxía Médica (SEOM), en 2023 diagnosticaranse 35.001 novos casos de cancro de mama, sendo o tipo de tumor máis frecuente entre as mulleres no noso país, por diante do cancro colorrectal, de pulmón, corpo uterino, tiroides e páncreas.
En canto á taxa de incidencia, estímanse 132 casos por cada 100.000 habitantes, e a probabilidade de desenvolver cancro de mama sendo muller é de 1 de cada 8. Este tipo de tumor adoita aparecer entre os 35 e os 80 anos, aínda que a franxa de idade que vai dos 45 aos 65 anos adoita ser a de maior incidencia, cunha curva que continúa en ascenso a medida que a muller envellece.
A boa noticia é que, de forma xeral, a mortalidade por cancro experimentou un forte descenso nas últimas décadas, mellorando a supervivencia dos pacientes con tumores debido ás actividades preventivas, as campañas de diagnóstico precoz e os avances terapéuticos.
Actualmente, é posible facer fronte ao cancro de mama con mellores resultados que hai uns anos, resultando tamén esencial mellorar a calidade de vida das mulleres que conseguen superar a enfermidade, xa que todos os tumores son agresivos e os tratamentos moitas veces deixan secuelas indelebles.
Saúdos, Departamento de Comunicación