- As sesións formativas leváronse a cabo no marco da Semana Europea da Prevención de Residuos 2022, que tivo lugar entre os días 19 e 27 do pasado mes de novembro
- Dirixíronse aos centros escolares, de Primaria e Secundaria, pertencentes aos 15 concellos que utilizarán os servizos da futura planta de biorresiduos de Cervo
- A campaña, bautizada co lema “O Marrón, o contedor que dá vida”, complementouse cunha xornada informativa materializada o 24 de novembro en Cervo á que asistiron máis de 40 representantes municipais
Cerceda, a 7 de decembro de 2022.- Preto de 3.000 escolares, tanto de Primaria como de Secundaria, pertencentes aos 15 concellos que utilizarán os servizos da futura planta de biorresiduos de Cervo (Lugo), cuxa entrada en operación terá lugar durante o primeiro semestre de 2023, recibiron formación por parte dos educadores ao servizo de Sogama no transcurso da Semana Europea da Prevención de Residuos 2022, que se levou a cabo entre os días 19 e 27 do pasado mes de novembro.
Baixo o lema “O Marrón, o contedor que dá vida”, o obxectivo deste programa formativo era avanzar á comunidade educativa da Mariña lucense os pormenores do contedor que, a curto-medio prazo, poderán ver nas rúas e que se destinará unicamente a recoller a materia orgánica contida nos residuos municipais (FORSU) para propiciar a súa posterior transformación en compost, un abono natural con importantes propiedades fertilizantes para as plantas e cultivos, e que será aplicado na agricultura e xardinería como emenda orgánica.
No transcurso das xornadas, incidiuse na necesidade de realizar unha correcta selección dos residuos orgánicos para que na planta de Cervo poida elaborarse un abono de alta calidade que cumpra con todos os requisitos contemplados na lexislación vixente.
Con todo, e máis aló do contedor marrón, as sesións didácticas foron aproveitadas para lembrar a importancia de aplicar na vida cotiá o principio europeo dos tres erres (redución, reutilización e reciclaxe) a fin de previr e diminuír a xeración de lixo mediante un consumo responsable; alongar a vida útil dos produtos a través da reutilización; e potenciar a reciclaxe mediante a correcta segregación dos refugallos en orixe e posterior depósito dos mesmos nos contedores axeitados para propiciar o seu posterior reciclado. Desta forma, poderán converterse en novas materias primas sen necesidade de recorrer aos xa escasos e limitados recursos naturais, aforrando ao mesmo tempo enerxía.
COÑECEMENTO, ALTA PARTICIPACIÓN E INTERESE
De acordo cos informes achegados polos monitores de Sogama, en practicamente todos os centros atendidos destacou a alta participación e interese amosado polos propios escolares, preocupados por dispoñer dos coñecementos necesarios para colaborar activamente no sistema e achegar o seu gran de area.
Dado que moitos dos Concellos da Mariña están adscritos ao programa de compostaxe doméstica de Sogama, tamén se puido comprobar a súa bagaxe neste ámbito e dominio da técnica, sendo plenamente conscientes das bondades que, tanto a nivel ambiental como económico e social, ten a autoxestión da materia orgánica.
Noutros casos, a expectativa ao redor da charla do persoal desta empresa pública foi tal, que mesmo houbo centros que elaboraron carteis específicos para divulgar esta formación entre o alumnado e profesorado. Tamén houbo moitos que achegaron novidosas ideas sobre a reutilización de materiais e, en termos xerais, puidose comprobar que pequenos e mozos saben perfectamente o que debe ir -e o que non- en cada contedor de recollida selectiva e teñen interiorizada a importancia da colaboración cidadá na protección do medio ambiente e a loita contra o cambio climático.
Estas formacións complementáronse coa xornada que Sogama e a Consellería de Medio Ambiente desenvolveron na Casa da Cultura de Cervo o 24 de novembro, e á que asistiron máis de corenta representantes municipais para obter información precisa, tanto desde o punto de vista xurídico como de operativa, sobre a implantación do contedor marrón nos seus termos municipais
Saúdos, Departamento de Comunicación