- A xornada terá lugar o vindeiro luns, 12 de abril, no propio centro, e estará conformada por catro sesións dirixidas ao alumnado de distintas categorías educativas.
- O obxectivo é que os pequenos interioricen a grave problemática asociada á elevada xeración de residuos e como facer fronte á mesma a través das boas prácticas.
Cerceda, a 8 de abril de 2021.- Monitores de Sogama formarán ao alumnado do CEIP de Roxos, en Santiago de Compostela, na xestión sostible dos residuos urbanos.
A xornada, que estará conformada por catro sesións, levarase a cabo o vindeiro luns, 12 de abril, distribuíndose o alumnado por categorías educativas.
O obxectivo é que os pequenos interioricen a grave problemática asociada á elevada xeración de residuos e como facer fronte á mesma a través das boas prácticas: prevención, consumo responsable, máximo aproveitamento dos produtos e activa participación nos mecanismos de recollida selectiva, depositando cada refugallo no contedor correspondente: amarelo, para envases de plástico, latas e briks; azul, para papel e cartón; iglú verde, para envases de vidro; e verde convencional, para a fracción resto.
Así mesmo, daranse a coñecer as vantaxes da compostaxe doméstica, sendo viable a súa implantación en vivendas unifamiliares que dispoñan de terreo (horta, xardín ou terras de cultivo) no que aplicar o compost resultante da fermentación controlada da materia orgánica. Obtense así un abono natural de alta calidade e con excelentes propiedades nutritivas para o solo.
Tamén se insistirá na importancia que ten, non só que os escolares adopten cada día xestos e hábitos beneficios para a contorna, senón tamén que exerzan o papel de prescritores e embaixadores, asumindo unha tarefa pedagóxica no seu ámbito familiar e social.
A cultura da reutilización e a reciclaxe debe imperar fronte á do malgaste, xa que os recursos son limitados e o comportamento das xeracións actuais condicionará o futuro das próximas. É por iso que, no transcurso das charlas, incidiarase igualmente na importancia da educación en valores tales como o traballo en equipo, a empatía e a solidariedade, entre outros.
Saúdos, Departamento de Comunicación