- Trala entrega gratuíta de 50 composteiros ao Concello, este sábado, 13 de marzo, técnicos ao servizo desta empresa pública impartirán dúas sesións formativas na Casa da Cultura.
- O obxectivo é explicar aos asistentes os pasos a seguir para obter un compost de alta calidade e resolver as súas dúbidas.
Cerceda, a 11 de marzo de 2021.- Trala ampliación do programa de compostaxe doméstica no Concello de Sarria coa dotación de 50 compostadores por parte de Sogama, técnicos desta empresa pública desprazaranse o vindeiro sábado, 13 de marzo, a esta localidade lucense para impartir un curso de formación sobre a autoxestión da materia orgánica.
A fin de garantir o cumprimento das medidas de protección fronte á Covid-19, a actividade terá lugar no Salón de Actos da Casa da Cultura municipal, levándose a cabo en dúas sesións (10:30 e 12:00 horas) co obxectivo de que o aforo sexa menor, permitindo gardar a distancia de seguridade entre os asistentes.
A esta xornada están convidados a participar aqueles veciños que solicitaran o composteiro (de 390 litros e fabricado con materiais reciclados e reciclables), sendo condición indispensable que habiten nunha vivenda unifamiliar con terreo (xardín, horta ou terras de cultivo) no que se aplicará o compost resultante, pechando así o círculo de reciclaxe da materia orgánica, que regresa ao solo en forma de nutriente e fertilizante natural.
O monitor de Sogama explicará todos os pasos a seguir para obter un compost de alta calidade: desde a propia ubicación do composteiro, que debe ser colocado no exterior da vivenda, nunha zona protexida e en contacto directo coa terra para facilitar a entrada dos microorganismos descompoñedores, ata a relación de materiais que poden e non poden ser depositados no mesmo, así como o control de parámetros de gran importancia como son o osíxeno, a temperatura e a humidade.
Dado que a materia orgánica representa o 42% da composición media dunha bolsa de lixo tipo, se se recupera en orixe, evítase o seu depósito no contedor verde convencional, minorando custos, tanto ambientais como económicos.
Así mesmo, aproveitarase o curso para lembrar a importancia que ten a selección en orixe das distintas tipoloxías de residuos e o seu posterior depósito nos contedores correspondentes para propiciar a súa reciclaxe e, polo tanto, a súa conversión en novos produtos: amarelo, para envases de plástico, latas e briks; azul, para papel e cartón; iglú verde, para envases de vidro; e verde convencional, para a fracción resto, incluíndo as luvas e máscaras desbotabless.
Este encontro representa tamén unha oportunidade para que os interesados poidan trasladar as súas observacións e consultar dúbidas.
Toda a información sobre o programa en www.compostaconsogama.gal
Saúdos, Departamento de Comunicación