- Impartiu nesta localidade lucense unha xornada para incidir no sistema de recollida selectiva en xeral, e no da materia orgánica en particular para propiciar a súa posterior transformación en compost
- A sesión foi aproveitada polo concello para repartir entre os asistentes as chaves coas que abrir os contedores marróns que teñen á súa disposición nas rúas e entregarlles cubos domésticos do mesma cor, así como packs de bolsas compostables
Cerceda, a 16 de xullo de 2024.- Educadores de Sogama impartiron en Xove (Lugo), a solicitude do propio concello, unha xornada presencial orientada a formar aos veciños no sistema de recollida selectiva de residuos en xeral, e no bo uso do contedor marrón en particular, por ser este o último en incorporarse ás rúas co fin de recoller de forma diferencia a materia orgánica xerada nos fogares.
Durante a sesión, explicouse aos asistentes a importancia de reducir a produción de refugallos en orixe e de alongar, a través da reutilización, a vida útil dos produtos, procedendo a separar por tipoloxías os residuos xerados e a depositalos nos contedores correspondentes para propiciar o seu posterior reciclado e, polo tanto, a súa transformación en novas materias primas; todo un xesto de solidariedade e compromiso co medio ambiente que trae consigo importantes beneficios ambientais, económicos e sociais.
Desta forma, detallouse o que debe e non debe depositarse en cada recipiente, incidindo na importancia deste labor previo para garantir unha reciclaxe de alta calidade, así coma o proceso de xestión ao que é sometido a fracción orgánica para a súa conversión en compost, un abono natural especialmente útil no sector da agricultura e da xardinería e que, ademais de achegar nutrientes ao solo, tamén o preserva fronte a pragas e enfermidades.
Máis aló de resolver dúbidas e atender a preguntas formuladas polo público, o concello aproveitou a xornada para entregar aos asistentes as chaves coas que abrir os contedores marróns situados nas rúas, ademais dun cubo doméstico do mesma cor, con capacidade para 10 litros, e varios rolos de bolsas compostables.
Saúdos, Departamento de Comunicación