- A sesión terá lugar mañá, 3 de novembro, ás 18:30 horas nun local do Concello.
- O obxectivo é que os docentes estean preparados para inculcar entre o alumnado a autoxestión da materia orgánica e as súas bondades ambientais, económicas e sociais.
- Este municipio pontevedrés recibiu de mans de Sogama máis dun cento de composteiros.
Cerceda, a 2 de novembro de 2021.- No marco da adhesión do Concello do Porriño (Pontevedra) ao programa de compostaxe doméstica liderado por Sogama en Galicia, mañá, 3 de novembro, técnicos desta empresa pública impartirán un curso de formación dirixido ao profesorado dos centros escolares de primaria e secundaria pertencentes a este municipio. Terá lugar, ás 18:30 horas, nun local do propio Concello, sendo o seu obxectivo formar aos docentes na autoxestión da materia orgánica para que, posteriormente, eles se encarguen de trasladar a técnica aos seus pupilos, explicando as vantaxes ambientais, económicas e sociais desta práctica tradicional.
Sogama entregou ao Concello, de forma gratuita, máis dun cento de composteiros a repartir entre outras tantas vivendas unifamiliares que conten con terreo e ás que tamén dotará con manuais didácticos de apoio. Así mesmo, e en data a acordar polas partes, a compañía impartirá un curso de formación dirixido aos veciños participantes nesta iniciativa para que poidan complementar os seus coñecementos e teñan a oportunidade de consultar todas as súas dúbidas.
A entidade dependente da Xunta tamén subministrou aos colexios composteiros para que poidan converter en abono natural a materia orgánica producida nos mesmos, que logo aplicarán nas súas hortas e xardíns a fin de pechar o ciclo de recuperación desta fracción de lixo.
Saúdos, Departamento de Comunicación