- O primeiro curso de formación presencial celebrouse onte, 16 de outubro, nas dependencias do Consello Regulador de Agricultura Ecolóxica de Galicia, en Monforte de Lemos (Lugo) e, o segundo, terá lugar o próximo día 23 en Boqueixón (A Coruña).
- Entregaranse 100 composteiros, de 390 litros de capacidade e fabricados con materiais reciclados e reciclables, a outros tantos operadores, así como manuais didácticos de apoio.
- Preténdese así que as explotacións agrarias poñan en valor a materia orgánica mediante a súa transformación en compost, un abono natural con excelentes propiedades para o solo.
Cerceda, a 17 de outubro de 2019.- Trala recente adhesión do CRAEGA ao programa de autocompostaxe de Sogama, esta empresa pública entregará ao Consello Regulador de Agricultura Ecolóxica de Galicia, a través da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, un total de 100 composteiros, de 390 litros de capacidade e fabricados con materiais reciclados e reciclables, para que sexan distribuídos entre outras tantas explotacións agrarias adscritas a este organismo, encargado do control e certificación das producións ecolóxicas na nosa comunidade.
A fin de que o recipiente cumpra a súa función e se saque o maior rendemento ao mesmo, técnicos ao servizo Sogama son os encargados de impartir cursos de formación presencial orientados ao cento de operadores que decidiron participar nesta iniciativa.
O primeiro celebrouse onte, 16 de outubro, nas dependencias do CRAEGA en Monforte de Lemos (Lugo), e o segundo levarase a cabo o día 23 en Boqueixón (A Coruña). O obxectivos dos mesmos é explicar a importancia de recuperar a materia orgánica a través da súa transformación en compost, un abono natural con excelentes propiedades para o solo.
FORMACIÓN PARA VALORIZAR A MATERIA ORGÁNICA
Neste marco, proporciónanse as claves para desenvolver a técnica de forma axeitada: desde a propia ubicación do composteiro, que debe estar nun lugar axeitado e en contacto coa terra para facilitar a entrada dos microorganismos descompoñedores, ata o control de parámetros tales como o osíxeno, a temperatura e a humidade.
Estas xornadas formativas son aproveitadas para entregar aos asistentes os recipientes, así como manuais didácticos de apoio nos que se detalla o procedemento a seguir e dáse resposta ás preguntas máis frecuentes.
A día de hoxe, máis de 300 entidades de toda Galicia atópanse adscritas ao programa de compostaxe doméstico de Sogama, tendo repartido entre as mesmas preto de 10.900 compostadores.
A fin de complementar a formación presencial, a empresa habilitou no seu momento un sitio web específico www.compostaconsogama.gal, no que se recolle toda a información sobre esta iniciativa, así como recursos de gran interese para afianzar coñecementos. É o caso de contidos online, contos infantís, xogos interactivos, etc
Adicionalmente, cabe sinalar que os composteiros que se entregarán ao CRAEGA enmárcanse nun proxecto europeo de cooperación transfronteriza Galicia-Norte de Portugal que leva por nome “Res2ValHum” e no que Sogama participa en calidade de socio, xunto coa Universidade de Santiago de Compostela e a empresa CVAN. O obxectivo desta iniciativa é precisamente impulsar a reciclaxe da materia orgánica a ambos os dous lados da fronteira e evitar o seu vertido, indagando en novas aplicacións para o compost que van máis aló da súa utilización como fertilizante.
Imaxe: Craega
Saúdos, Departamento de Comunicación