- Educadores ao servizo da empresa pública trasladaranse mañá a este centro para impartir tres sesións didácticas destinadas a preto de 100 alumnos e alumnas de Educación Primaria.
- Os tres erres (redución, reutilización e reciclaxe) guiarán a formación, clarificando así mesmo todas as dúbidas que os pequenos poidan ter respecto dos contedores de destino para cada material.
- A contaminación por plásticos, o desperdicio alimentario e a compostaxe doméstica tamén formarán parte das temáticas a abordar.
- A maior colaboración dos cidadáns resulta crucial para incrementar os índices de reciclaxe, do mesmo xeito que a innovación tecnolóxica. Exemplo disto é a nova planta de recuperación de materiais de Sogama, capaz de clasificar ata 11 tipoloxías de material.
- Con esta instalación, que forma parte da ampliación do complexo industrial de Cerceda (A Coruña), a empresa pública cuadriplicará as súas taxas de reciclaxe e chegará en 2020 ao vertido técnico cero.
Cerceda, a 21 de febreiro de 2019.- Os educadores de Sogama viaxarán mañá a Pontevedra para impartir tres sesións didácticas no CEIP de Ponte Sampaio. Os destinatarios serán preto de 100 alumnos e alumnas de tres ciclos de Educación Primaria, aos que se explicarán os conceptos básicos vinculados á xestión sostible dos residuos urbanos. É dicir, como comprar de forma responsable, como producir menos lixo, como aproveitar ao máximo os produtos e como clasificalos para que poidan ser reciclados e convertidos en novos recursos de utilidade.
Os tres erres (redución, reutilización e reciclaxe) guiarán a formación, clarificando todas as dúbidas que os pequenos poidan ter respecto dos contedores de destino para cada material. Así, recordarase que o amarelo alberga os envases de plástico, as latas e os briks; o azul, os envases de cartón e papel; o iglú verde, os envases de vidro; e o contedor verde convencional, a fracción resto, que Sogama, tras extraer a parte reciclable, converte, dunha forma limpa e respectuosa co medio ambiente, en enerxía eléctrica, evitando que acabe depositada en vertedoiro, a peor das opcións polo seu negativo impacto para o medio ambiente e a saúde.
CONTAMINACIÓN MARIÑA, DESPERDICIO ALIMENTARIO E COMPOSTAXE
A contaminación por plásticos, o desperdicio alimentario e a compostaxe doméstica tamén formarán parte das temáticas a abordar. No primeiro caso, recordarase que o 80% dos residuos que acaban nos océanos teñen a súa orixe en terra e proporcionaranse datos sobre as negativas consecuencias que ten a presenza de lixo nos océanos: alteración dos ecosistemas mariños e ameaza para a fauna, pa pesca, o turismo e a propia alimentación humana.
O desperdicio alimentario constitúe outro dos problemas a abordar, toda vez que acaba no lixo un terzo dos alimentos producidos a nivel mundial para o consumo humano. Isto tradúcese nun negativo impacto a nivel social, económico, moral e ambiental. E é que, cando se desperdicia un alimento, tírase pola borda os recursos empregados no seu cultivo e xestión (auga, enerxía, combustible, traballo dos agricultores, etc.).
Así mesmo, os monitores abundarán nos beneficios ambientais, económicos e sociais da compostaxe doméstica. Na provincia de Pontevedra Sogama repartiu máis de 3.200 composteiros entre preto de 40 concellos. O seu labor non se circunscribe unicamente á dotación de medios materiais, senón que tamén imparte cursos de formación presenciais e entrega material didáctico e divulgativo aos usuarios.
MAIOR RECICLAXE: COLABORACIÓN E INNOVACIÓN
A maior colaboración dos cidadáns resulta crucial para incrementar os índices de reciclaxe. Tamén a innovación tecnolóxica. Exemplo disto é a nova planta de recuperación de materiais de Sogama, concibida en liña coa emerxente industria 4.0, e que entrou en operación a finais do pasado ano, permitindo clasificar ata 11 tipoloxías de material.
Esta instalación, que forma parte do proceso de ampliación do complexo industrial de Cerceda, propiciará que Sogama cuadriplique as súas cifras de reciclaxe e que chegue en 2020 ao vertido técnico cero (10%), un obxectivo establecido para o Parlamento Europeo para o 2035, adiantándose en 15 anos ao cumprimento da norma.
Saúdos, Departamento de Comunicación.