-
Esta campaña enmárcase no Día Mundial da Reciclaxe, que se celebrará o vindeiro 17 de maio, coincidindo co Día das Letras Galegas
-
A pretensión é reforzar os coñecementos do público destinatario sobre reciclaxe e explicar as vantaxes, que ten para o medio ambiente e a calidade de vida, o simple feito de segregar os residuos en orixe e depositalos no contedor correspondente
-
Os cidadáns teñen á súa disposición un buscador de residuos promovido por Sogama “Onde Vai” https://ondevai.sogama.gal/ga co que poden resolver todas as súas dúbidas en tempo real
Cerceda, a 15 de maio de 2024.- No marco do Día Mundial da Reciclaxe, que terá lugar este venres, 17 de maio, coincidindo co Día das Letras Galegas, Sogama formará en recollida selectiva de residuos a escolares e mozos, tanto de primaria como de secundaria, dunha trintena de municipios das catro provincias galegas.
As sesións, todas elas presenciais, veñen desenvolvéndose desde o pasado luns, día 13, e están orientadas a clarificar os tipos de refugallos a depositar en cada un dos contedores que a cidadanía ten á súa disposición para garantir o seu posterior reciclado e, polo tanto, a súa transformación en novas materias primas.
Se ben os nenos e nenas constitúen un colectivo moi proactivo e implicado na xestión sostible dos residuos municipais, o certo é que aínda persisten dúbidas ao redor da correcta separación dos mesmos en orixe, especialmente en relación ao contedor amarelo. Concibido para acoller envases e envoltorios de plástico, latas e briks, neste recipiente non pode introducirse calquera tipo de plástico, senón unicamente os conceptuados como envases.
No caso do azul, advírtese que o papel e cartón debe ir limpo, sen restos de graxa e libre de elementos accesorios tales como espirais, grampas, argolas, etc. No iglú verde, unicamente botellas, frascos e tarros de vidro, pero sen tapas nin tapóns. E no contedor marrón, novidade en moitos concellos, só a materia orgánica, previamente introducida en bolsas compostables.
No sistema Sogama, os restos orgánicos transpórtanse ata unha das catro plantas de biorresiduos coas que conta a entidade (Cervo, Cerceda, Vilanova de Arousa e Verín) para que poidan converterse en compost, un abono natural con excelentes propiedades fertilizantes para o solo e con interesantes aplicacións no sector da agricultura e xardinería.
Onde vai
A pretensión desta nova campaña é reforzar os coñecementos sobre reciclaxe do público destinatario, explicar as vantaxes que ten para o medio ambiente e a calidade de vida o simple feito de segregar os residuos en orixe e depositalos no contedor correspondente, e, máis importante aínda, a importancia transcendental de reducir ao máximo a produción de refugallos mediante pautas de consumo consciente, informado e responsable.
Con tal fin, educadores ao servizo da Sociedade utilizarán recursos de apoio tales como vídeos, presentacións e xogos.
Ademais, os cidadáns poden resolver as súas dúbidas, en tempo real, a través do buscador de Sogama Onde Vai https://ondevai.sogama.gal/ga
Participantes
Na campaña participan, por parte da provincia de A Coruña, centros educativos de Ferrol, Monfero, Narón, Santiago de Compostela e Teo. Pola de Lugo, de Becerreá, Bóveda, Monforte de Lemos, Monterroso, O Páramo, Lugo cidade e Vilalba. No caso da provincia de Pontevedra, de Barro, A Guarda, Gondomar, Ponteareas, Moaña, Poio, Nigrán, O Porriño, Pontevedra cidade, Vigo e Vila de Cruces. E, pola de Ourense, centros do Carballiño, Ourense, Muíños, Castrelo de Miño, Viana do Bolo e Vilar de Barrio.
Saúdos, Departamento de Comunicación