- O obxectivo era trasladarlles as boas prácticas a aplicar cada día para que a correcta xestión dos refugallos estea presente nos fogares, escolas e contornas laborais e de lecer
- O encontro serviu para clarificar dúbidas ao redor da separación de residuos en orixe e contedor de destino para cada tipoloxía
Cerceda, a 14 de febreiro de 2024.- Recentemente, educadores de Sogama desprazáronse ao IES Xoán Montes de Lugo para impartir formación en xestión sostible de residuos, pero neste caso orientada a docentes e pais de alumnos que cursan os seus estudos no IES Xoán Montes de Lugo.
O obxectivo era trasladarlles os conceptos e xestos vinculados á correcta xestión dos refugallos que cada día se producen nas escolas e contornas laborais a fin de que os poñan en práctica e contribúan en boa medida a reducir a produción de lixo, mediante un consumo consciente e responsable, a alongar a vida útil dos produtos a través da reutilización, e a segregar axeitadamente os materiais por tipoloxías e depositalos no contedor correspondente para que poidan ser reciclados e, polo tanto, convertidos en novas materias primas, aforrando desta forma enerxía e recursos.
Trátase dun labor que compete a todos os membros da unidade familiar e que debe ter continuidade en calquera outro escenario para actuar de forma responsable co medio ambiente e solidaria coas novas xeracións, a quen debemos deixar un futuro mellor.
O encontro serviu para clarificar dúbidas ao redor da clasificación de residuos, lembrando que o contedor amarelo está concibido para acoller envases de plástico, latas e briks; que o azul se destina ao papel e cartón; o iglú verde, ao vidro; o contedor marrón, á materia orgánica; e que o xenérico queda relegado para a fracción non reciclable, que Sogama transforma en enerxía eléctrica, evitando que remate soterrada en vertedoiro, a peor das opcións debido ao seu negativo impacto para a contorna natural e a saúde das persoas.
O centro manifestou o seu interese en visitar o Complexo Medioambiental de Sogama en Cerceda, dado o carácter didáctico desta experiencia, xa que, máis aló de constatar o tratamento que reciben os residuos, constitúe unha oportunidade para a concienciación social e a necesidade de cooperar no sistema desde a corresponsabilidade.
Saúdos, Departamento de Comunicación