- É o caso de carpintería e moble, así como hostalería e xardinería, entre outras.
- A entidade destaca a alta participación dos estudantes de xardinería, que tiñan amplos coñecementos sobre a valorización da materia orgánica a través da súa conversión en compost
- Con estas sesións, Sogama non só pretende dar a coñecer a súa actividade industrial entre os distintos sectores sociais, senón tamén levar a cabo unha tarefa de concienciación ao redor da xestión sostible dos residuos urbanos
Cerceda, a 31 de xaneiro de 2022.- Dentro da súa campaña itinerante polos centros educativos dos concellos adheridos ao seu modelo de xestión, os monitores de Sogama dedicaron unha xornada completa ao CPR Agarimo de Arteixo (A Coruña). Trátase dun centro privado que acolle a estudantes de Formación Profesional Básica en Carpintería (carpintería e moble), Hostalería (cociña e restauración) e Xardinería, entre outras especialidades, así como a alumnos de Educación Especial e Educación Secundaria para Adultos, impartindo igualmente Formación para o emprego (formación e certificación profesional).
En total, os educadores ao servizo desta empresa pública impartiron cinco sesións formativas a grupos de estudantes moi diversos e con distintos intereses ambientais, pero moi receptivos ao redor da actividade que Sogama desenvolve en Galicia na xestión sostible dos residuos urbanos.
A entidade destaca especialmente a alta participación do alumnado de Xardinería, que tiña amplos coñecementos sobre a valorización da materia orgánica a través da súa conversión en compost, un abono natural con excelentes propiedades fertilizantes para o solo.
Con estas sesións, Sogama, non só pretende dar a coñecer a súa actividade industrial entre os distintos sectores sociais, facendo especial fincapé nos centros educativos, senón tamén levar a cabo unha tarefa de concienciación na correcta xestión dos residuos urbanos. Esta debe comezar coa aplicación diaria do principio das tres erres: reducir a cantidade de lixo xerado cada día a través dun consumo responsable; reutilizar os produtos o maior número de veces posible antes de convertelos en residuos; e separar os refugallos por tipoloxías, depositando cada fracción no contedor correspondente para posibilitar o seu posterior reciclado: amarelo, para envases de plástico, latas e briks; azul, para papel e cartón: iglú verde, para envases de vidro; contedor marrón, para a materia orgánica; e contedor verde convencional, para a fracción resto ou non reciclable, que a compañía converte en electricidade, unha operativa que leva a cabo con todas as garantías ambientais e de protección da saúde.
O traballo desenvuelto no CPR Agarimo, representaron tamén unha oportunidade para adaptar as particularidades do modelo Sogama a cada área de estudo: o potencial da reutilización na área da carpintería, a necesidade de reducir o desperdicio alimentario na de cociña e restauración, e a promoción do emprego verde xerado pola xestión dos residuos na propia de formación.
Saúdos, Departamento de Comunicación