- Os seus técnicos impartirán cursos sobre compostaxe doméstica os días 24 e 26 de outubro, no MOME, a partir das 19:00 horas.
- A empresa pública subministrou ao Concello unha nova partida de 150 composteiros que, sumadas a outras anteriores, fan un total de 500.
- Os asistentes a estas sesións formativas recibirán tamén un manual didáctico de apoio no que se detalla a dinámica a seguir e dáse resposta ás preguntas máis habituais.
Cerceda, a 23 de outubro de 2022.- Técnicos de Sogama viaxarán os días 24 e 26 de outubro á localidade pontevedresa da Estrada para impartir, a petición do Concello, cursos de formación presencial orientados aos veciños que decidiron sumarse ao programa de compostaxe doméstica implantado no municipio coa colaboración desta empresa pública.
As xornadas celebraranse, durante os dous días, no MOME (Museo do Moble e a Madeira), a partir das 19:00 horas.
Logo da recente dotación de 150 novos composteiros por parte desta empresa pública, son xa 500 as familias estradenses que participan nesta iniciativa, con importantes beneficios ambientais, económicos e sociais.
No transcurso das sesións, daranse a coñecer aos asistentes os pasos a seguir para obter un compost de alta calidade e que reúna os requisitos necesarios para ser aplicado na agricultura e a xardinería con absolutas garantías e sen restricións. Así, explicarase de forma pormenorizada todo o proceso: desde a propia localización do composteiro, que debe colocarse no exterior da vivenda, nunha zona protexida das inclemencias meteorolóxicas e en contacto directo coa terra para facilitar a entrada dos microorganismos descompoñedores, ata a relación de materiais que poden, e non poden, depositarse no mesmo, sen esquecer o necesario control da mestura, propiciando que haxa un equilibrio entre material húmido e seco, e prestando especial atención a parámetros tales como o osíxeno, a temperatura e a humidade.
MATERIAL DIDÁCTICO DE APOIO E RESOLUCIÓN DE DÚBIDAS
Este encontro será aproveitado para despexar as dúbidas trasladadas polos asistentes, e non só en relación á autocompostaxe, senón ao resto dos contedores de recollida selectiva para que os refugallos cheguen aos centros recicladores coa máxima calidade e a mínima porcentaxe de impropios.
Así mesmo, tomarase boa nota dos comentarios do público e propiciarase un coloquio para que, os que así o queiran, poidan compartir as súas experiencias e opinións.
Os asistentes recibirán tamén un manual de compostaxe no que se relata a dinámica a seguir e dáse resposta ás preguntas máis habituais.
Será o propio Concello o encargado de realizar un seguimento desta iniciativa, corrixindo aqueles aspectos que poidan interferir nos bos resultados dun programa co que, ademais, se recupera unha práctica tradicional no rural galego como é a segregación da materia orgánica para alimento do gando e/ou elaboración de compost, pero que agora se leva a cabo de forma máis moderna, cómoda, hixiénica e eficiente grazas á dotación de composteiros ás familias.
Saúdos, Departamento de Comunicación