- Un técnico desprazarase mañá a este concello lucense para impartir un curso, que terá lugar, ás 16:00 horas, na Casa da Cultura de Castro Ribeira de Lea
- A día de hoxe, xa son 110 os composteiros entregados pola empresa pública a este municipio.
Cerceda, a 17 de novembro de 2021.- Sogama impartirá mañá, 18 de novembro, un curso de formación presencial no municipio de Castro de Rei (Lugo) despois de que este decidise estender o seu programa de compostaxe doméstica a novas vivendas, impulsando así a recuperación da materia orgánica en orixe e a súa posterior transformación en compost, un abono natural con excelentes propiedades para plantas e cultivos.
A sesión, que correrá a cargo dun técnico de Sogama, celebrarase, ás 16:00 horas, na Casa da Cultura de Castro Ribeira de Lea e estará orientada aos veciños que, voluntariamente, decidiron participar nesta iniciativa. Para isto deben habitar en vivendas unifamiliares que dispoñan de terreo (horta, xardín ou terras de cultivo) no que aplicar o compost resultante.
O obxectivo da xornada é explicar aos asistentes as vantaxes ambientais, económicas e sociais asociadas á autoxestión da materia orgánica, así como a operativa a levar a cabo para obter un compost de alta calidade que cumpra con todos os requisitos necesarios para ser aplicado ao chan con garantías e sen restricións.
Desta forma, detallarase o proceso para seguir en toda a súa amplitude: desde a propia localización do compostador ata a relación de materiais que deben e non deben depositarse no mesmo, así como o control de parámetros tales como osíxeno, temperatura e humidade.
A empresa pública entregou ao ente local 110 compostadores (de 400 litros de capacidade e fabricados con materiais reciclados e reciclables).
Para máis información www.compostaconsogama.gal
Saúdos, Departamento de Comunicación