- As sesións (3 en total) levaranse a cabo este venres, 7 de maio, no propio salón de actos do Concello.
- A primeira terá lugar ás 11:00 h e estará orientada ao alumnado do colexio San Clodio. A segunda comezará ás 16:00 horas e, a terceira, ao redor das 17:00 horas.
- Estas dúas últimas destinaranse aos veciños que participarán de forma voluntaria no programa de compostaxe doméstica promovido polo ente local, en colaboración con Sogama.
- En todos os casos abundarase na xestión sostible dos residuos urbanos, prestando especial atención á valorización da materia orgánica.
Cerceda, ao 5 de maio de 2021.- Técnicos ao servizo de Sogama desprazaranse este venres, 7 de maio, ao municipio lucense de Ribas de Sil para formar a veciños e escolares na xestión sostible dos residuos urbanos e, máis concretamente, na valorización da materia orgánica a través da compostaxe doméstica.
Os alumnos do colexio San Clodio asistirá á primeira das sesións, que terá lugar, ás 11:00 horas, no propio salón de acto do Concello. Con eles abordaranse cuestións tales como o principio dos tres erres (redución, reutilización e reciclaxe) e a actividade que desempeña Sogama no circuíto que seguen os refugallos, destinando a reciclaxe a parte que poida canalizarse por esta vía e valorizando enerxeticamente o resto.
Dado que o ente local adheriuse ao programa de compostaxe doméstica de Sogama, trasladaránselles as nocións básicas para recuperar con garantías a materia orgánica en orixe e propiciar que esta regrese ao solo en forma de abono.
Así mesmo, e co fin de que aprendan a xestionar correctamente os residuos dunha forma amena e lúdica, repartiranse entre os pequenos libros de Os Bolechas, proporcionados por esta entidade pública, nos que se abordan temáticas tales como a menor xeración de lixo, a reciclaxe e o labor industrial de Sogama.
As xornadas de tarde (16:00 e 17:00 horas) terán como público obxectivo aos veciños que, voluntariamente, teñan decidido participar na compostaxe e aos que se entregará un composteiro con capacidade para 400 litros.
Neste caso, explicaráselles toda a operativa a seguir: desde o propio emprazamento do recipiente, que debe estar nas proximidades da vivenda, nunha zona protexida das inclemencias meteorolóxicas e en contacto directo coa terra para facilitar a entrada dos microorganismos descompoñedores, ata a relación de materiais que deben e non deben depositarse no mesmo, así como o control que os usuarios deben realizar sobre o proceso, vixiando parámetros tales como a temperatura, o osíxeno e a humidade.
O obxectivo último é que obteñan un compost de alta calidade que poida ser aplicado na agricultura e xardinería con garantías e sen restricións.
Igualmente, e dado que a materia orgánica representa en torno ao 42% da composición media dunha bolsa de lixo tipo, se esta se xestiona no propio fogar, evítase o seu depósito no contedor verde convencional, aforrando os custos propios do seu tratamento en planta.
Saúdos, Departamento de Comunicación