- Veciños de Poio, Sanxenxo, Vilanova de Arousa e O Grove recibiron charlas por parte de técnicos desta empresa pública, nas que tamén se incidiu na correcta recollida selectiva doutros residuos, ademais dos orgánicos
- Os asistentes foron obsequiados con cubos domiciliarios para o depósito da materia orgánica, así como con bolsas pregables e reutilizables para a compra
Cerceda, a 28 de novembro de 2023.- Técnicos de Sogama desprazáronse en días pasados, no marco da Semana Europea de Prevención de Residuos 2023, a varios concellos pontevedreses, é o caso de Poio, Sanxenxo, Vilanova de Arousa e O Grove, para formar aos veciños interesados no bo uso do contedor marrón, que os entes locais deben implantar, conforme á lexislación europea, antes do próximo 31 de decembro.
Ademais de concretar os materiais a depositar neste recipiente, explicouse a infraestrutura industrial deseñada pola Xunta, e executada por Sogama, para a valorización da materia orgánica mediante a súa transformación en compost. Conformada por 17 instalacións (4 plantas de biorresiduos -unha delas en Vilanova de Arousa- e 13 plantas de transferencia de apoio), un dos obxectivos desta rede é aplicar o principio de proximidade e propiciar que a práctica totalidade dos concellos adheridos a Sogama (295) dispoñan dunha planta de biorresiduos ou de transferencia a menos de 50 km de distancia.
Falouse tamén das vantaxes da compostaxe doméstica, así como da recollida selectiva de residuos en xeral, incidindo en maior medida no contedor amarelo por concentrar maior confusión e xerar maior número de dúbidas.
Estes encontros erixíronse igualmente en espazos de debate acerca da xestión sostible de residuos e o papel que deben desempeñar os cidadáns para contribuír en maior medida á reciclaxe, resaltando a importancia das campañas de información, formación e sensibilización, e a súa permanencia no tempo, debendo ser adaptadas polos concellos ás características de cada poboación.
Así mesmo, as xornadas serviron para consultar dúbidas sobre o contedor de destino de determinados materiais e mesmo para facer propostas de mellora na contenerización e recollida a fin de incentivar en maior medida a colaboración dos veciños. Igualmente, os asistentes incidiron na necesidade de facer fronte, e de forma contundente, a determinados mitos que desincentivan a cooperación, clarificando a rastrexabilidade do residuo desde que se deposita no contedor correspondente ata que se valoriza ou elimina.
Os participantes foron obsequiados con cubos domiciliarios, de cor marrón, para o depósito da materia orgánica, así como con bolsas pregables e reutilizables para a compra.
Saúdos, Departamento de Comunicación