- Escolares e universitarios, así como veciños de distintos concellos adscritos ao programa de compostaxe doméstica impulsada por esta empresa pública, foron os principais públicos obxectivo
- Durante as sesións formativas incidiuse na xestión sostible dos residuos urbanos e a importancia de reducir a súa produción, de consumir de forma responsable e de contribuír á súa reciclaxe mediante a separación en orixe
- O interese dos universitarios estaba máis orientado aos pormenores do sistema Sogama e as súas características técnicas, especialmente en todo o relativo aos sistemas de depuración de gases
Cerceda, a 13 de abril de 2022.- Máis dun milleiro de persoas foron formadas presencialmente por Sogama durante o primeiro trimestre do ano en curso. Aproximadamente, o 50% eran escolares de centros educativos de Galicia, tanto de primaria como de secundaria, aos que se sumaron tamén universitarios de diversos perfís académicos.
No caso dos colexios, as demandas de coñecementos centrábanse maioritariamente na xestión sostible dos residuos urbanos, incluíndo o consumo responsable, a redución en orixe, a reutilización e a correcta separación dos refugallos para propiciar o seu posterior reciclado. Como vén sendo habitual, as dúbidas viraron en torno ao contedor amarelo ao vincular ao mesmo todo tipo de plásticos, cando en realidade só poden ser depositados neste recipiente os envases e envoltorios de plástico.
O alumnado está especialmente sensibilizado coa protección do medio ambiente e é por isto que os equipos docentes se esforzan en que as boas prácticas non queden limitadas ao propio centro educativo, senón que se extrapolen ao ámbito familiar e social, pois só coa colaboración de todos poderá incrementarse as taxas de reciclaxe na nosa comunidade.
No ámbito universitario, o interese estivo máis centrado nos pormenores do sistema Sogama, na súa innovadora tecnoloxía industrial e nos mecanismos utilizados para a depuración de gases, permitindo a esta empresa pública compatibilizar a súa actividade co coidado da contorna e a saúde das persoas.
INTERESE NA AUTOCOMPOSTAXE
Os veciños de distintos concellos adheridos ao programa de compostaxe doméstica liderado por Sogama en Galicia, mostraron gran interese na aplicación práctica das tres erres (redución, reutilización e reciclaxe), constituíndo a autoxestión da materia orgánica unha prioridade para eles ao recuperar unha tradición no rural galego e pechar o ciclo de recuperación desta fracción mediante a súa transformación en compost, un abono natural con excelentes propiedades fertilizantes para o chan.
Estas charlas son aproveitadas para repartir os composteiros concedidos a cada concello de forma gratuíta e ensinar aos asistentes como montalos e como xestionalos para que o compost resultante cumpra con todos os requisitos estipulados pola normativa vixente e, polo tanto, poida ser aplicado nos seus xardíns, hortas e terras de cultivo coas máximas garantías e sen restricións.
Pero, máis aló da autocompostaxe e a recollida selectiva, estes encontros serviron tamén para avanzar as novidades que os entes locais deben asumir proximamente, como é o caso da dotación de contedores marróns para a recollida diferenciada da fracción orgánica e o seu posterior tratamento nunha planta de biorresiduos.
Saúdos, Departamento de Comunicación