- A solicitude dos colectivos interesados, o seu equipo de educadores percorreu distintos puntos de Galicia para impartir cursos específicos en xestión sostible dos residuos municipais e economía circular, pero axustándoos ás características, necesidades ou preferencias dos destinatarios
- Aínda que os centros escolares foron os que, en maior medida, solicitaron a presenza de Sogama nas aulas, outros grupos sociais (Concellos, asociacións, ONGs, etc) tamén pediron o apoio da empresa para dar a coñecer o principio dos tres erres
Cerceda, a 26 de decembro de 2022.- No seu firme compromiso coa formación ambiental da poboación, Sogama instruíu presencialmente este ano a preto de 6.000 persoas pertencentes a distintos colectivos sociais. A solicitude destes,, o seu equipo de educadores percorreu distintos puntos de Galicia para impartir cursos específicos en xestión sostible dos residuos municipais e economía circular, pero axustándoos ás características, necesidades ou preferencias dos destinatarios.
Se ben os centros escolares foron os que, en maior medida, requiriron a presenza de Sogama nas aulas para explicar ao alumnado a práctica do principio europeo dos tres erres (redución, reutilización e reciclaxe), outros grupos tales como asociacións, tanto veciñais como de consumidores, mulleres rurais, entidades de atención a persoas con discapacidade e mesmo ONGs, tamén pediron o apoio da empresa pública para dar a coñecer entre os seus integrantes a importancia de previr e de reducir a xeración de residuos, mediante un consumo responsable, así como de aproveitar ao máximo os produtos mediante a reutilización e fomentar a reciclaxe a través da correcta separación de refugallos en orixe e posterior depósito dos mesmos nos contedores axeitados para propiciar o seu posterior reciclado.
- Contedor amarelo: envases de plástico, latas e briks
- Contedor azul: papel e cartón
- Iglú verde: envases de vidro
- Contedor marrón: materia orgánica
- Contedor xenérico: fracción resto
EXPLICACIÓNS E RECURSOS ADAPTADOS
O diferente público obxectivo esixiu aos monitores de Sogama un esforzo adicional de adaptación dos contidos a transmitir e o enfoque das sesións para que estas fosen produtivas e lograsen o seu fin, que non é outro que dar a coñecer a importancia que ten a correcta xestión dos residuos municipais, como contribuír á mesma por parte dos cidadáns e os beneficios que reporta para a protección do medio ambiente e a loita contra o cambio climático, así como para a economía, dada a súa achega á creación de riqueza e emprego, e para a sociedade, mellorando o seu benestar e calidade de vida.
Para as asociacións, o consumo responsable constituía un dos aspectos máis relevantes, sen esquecer a importancia da recollida selectiva de residuos para garantir a súa transformación en novas materias primas ás que se da unha segunda vida, converténdoas en recursos.
Pola súa banda, a compostaxe doméstica é un tema estrela para aqueles concellos que se iniciaron no mesmo, dada a elevada demanda veciñal por facerse cun composteiro e adquirir as destrezas necesarias que lles permitan aplicar a técnica con garantías, obtendo desta forma un compost de alta calidade.
No caso de entidades centradas na atención ás persoas con discapacidade, tanto física como intelectual, as actividades de educación ambiental dinamizadas con xogos, representan unha oportunidade coa que complementar o seu plan formativo e espertar a sensibilidade dos usuarios cara ao coidado do medio ambiente. Esta concepción tamén é compartida por moitas ONGs, que viron no coidado da contorna unha oportunidade para a inserción laboral e a propia socialización.
Sen excepción, todos os colectivos quixeron coñecer máis en detalle o labor de Sogama en Galicia e a actividade industrial que leva a cabo para incrementar a súa achega á reciclaxe e para poñer en valor a parte non reciclable, transformándoa en enerxía eléctrica suficiente coa que abastecer ao 12% dos fogares galegos.
Saúdos, Departamento de Comunicación