- Abertas á veciñanza en xeral, estas sesións enmárcanse no proxecto europeo de cooperación transfronteiriza Res4VALOR (Redución, reutilización, reciclado e revalorización de residuos orgánicos)
- Nas mesmas explicaranse os pormenores e bondades da compostaxe, tanto doméstica como industrial, e atenderanse todas as dúbidas trasladadas polos asistentes, os cales serán obsequiados con varios packs de bolsas compostables
- Cofinanciado polo FEDER a través do Programa Interreg V-A España-Portugal (POCTEP) 2014-2020, o proxecto Res4VALOR conta coa participación, en calidade de socios, de Sogama e a USC, ademais da Universidade do Minho (Portugal)
Cerceda, a 10 de abril de 2023.- Persoal técnico ao servizo de Sogama impartirá a partir de mañá, día 11, sesións formativas sobre compostaxe, tanto doméstica como industrial, nos Concellos da Laracha, Cerceda, Carballo, Santa Comba e A Baña. Todos eles están adscritos ao programa de compostaxe doméstica de Sogama e os catro primeiros veñen entregando a materia orgánica recollida a través do contedor marrón na planta de compostaxe de Cerceda para a súa transformación en compost. A Baña farao en breve.
O obxectivo destas sesións formativas é reforzar os coñecementos da veciñanza na compostaxe e incidir no potencial que a materia orgánica ten para o seu uso como abono natural, xa que achega nutrientes ao solo e protéxeo fronte a pragas e enfermidades.
31 DE DECEMBRO DE 2023, PRAZO LÍMITE
A lexislación europea estableceu o 31 de decembro de 2023 como prazo límite para que os concellos, que son quen teñen as competencias en materia de residuos, instauren os mecanismos necesarios para recoller de forma diferenciada a materia orgánica a fin de que esta reciba o tratamento oportuno.
Así, no transcurso das charlas detallaranse os materiais que deben e non deben depositarse no composteiro e contedor marrón, e a operativa en cada caso.
O composteiro, que ten carácter doméstico, é xestionado por cada vivenda. No mesmo débese mesturar de forma equilibrada material seco e húmido, e controlar parámetros de gran interese tales como o osíxeno, a temperatura e a humidade. O compost resultante aplícase na horta, xardín e/ou terras de cultivo da unidade familiar, pechando desta forma o ciclo de reciclaxe da fracción orgánica, que regresa á terra en forma de abono para dar unha nova vida.
Respecto da compostaxe industrial, unha vez recollida a fracción orgánica (FORSU) dos contedores marróns por parte dos servizos municipais, transpórtase ata a planta de biorresiduos de Cerceda, onde se somete a tratamento, obtendo un compost cuxo destino é a agricultura e xardinería.
PROXECTO RES4VALOR: MARCO DE REFERENCIA
Estas charlas están abertas á veciñanza en xeral e enmárcanse no proxecto de cooperación transfronteiriza Res4VALOR (Redución, reutilización, reciclado e revalorización de residuos orgánicos), cofinanciado polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) a través do Programa Interreg V-A España-Portugal (POCTEP) 2014-2020.
Forman parte deste proxecto, en calidade de socios, Sogama e a Universidade de Santiago de Compostela, ademais da Universidade do Minho (Portugal), sendo o seu obxectivo desenvolver accións de capitalización de resultados do proxecto Res2ValHum (“Valorización de residuos orgánicos: produción de substancias húmicas”).
Estas charlas constituirán unha oportunidade para que os cidadáns amplíen a súa bagaxe na compostaxe, consulten dúbidas, poñan en común as súas experiencias e interioricen as bondades que trae consigo a valorización da materia orgánica, pois, máis aló do elevado poder fertilizante do abono resultante, este proceso consegue reducir a presenza de materia orgánica no contedor convencional, á vez que incrementa a cantidade e calidade do resto das fraccións recollidas selectivamente, garantindo con isto un maior reciclado e, polo tanto, unha maior contribución ao cumprimento dos obxectivos europeos fixados para os próximos anos.
Os asistentes serán obsequiados con packs de bolsas compostables.
CALENDARIO DE SESIÓNS FORMATIVAS
CONCELLO |
FECHA |
LUGAR DE CELEBRACIÓN |
HORA |
A LARACHA |
11/04/2023 |
Casa da Cultura |
20:00 |
CERCEDA |
14/04/2023 |
Pendiente de concretar |
18:00 |
SANTA COMBA |
17/04/2023 |
Edificio Multiusos |
17:00 |
CARBALLO |
18/04/2023 |
Iglesia Parroquial. Rúa Martín Herrera, 4 |
17:00 |
A BAÑA |
20/04/2023 |
Rúa Tedelle, s/n (Detrás Centro Sande) |
10:00 |
Saúdos, Departamento de Comunicación