- A través de varias sesións formativas, explicou o circuíto de xestión e tratamento dos refugallos que se atopan baixo a súa competencia, incidindo na necesaria corresponsabilidade da cidadanía mediante a aplicación práctica do principio dos tres erres (Redución, Reutilización e Reciclaxe)
- As explicacións foron complementadas con presentacións, vídeos e mesmo xogos, sendo o da caixa sensorial o máis demandado
Cerceda, ao 22 de novembro de 2023.- Un total de 175 escolares e 12 docentes de educación primaria e secundaria do Colexio Vista Alegre de Vigo recibiron clases de reciclaxe e sostibilidade por parte de educadores de Sogama, os cales explicaron o circuíto de xestión dos refugallos desde que se xeran no fogar e se depositan nos contedores correspondentes, ata que se valorizan e recuperan conforme ás súas características.
Tendo en conta que o Concello de Vigo está adscrito ao sistema Sogama, profundouse no tratamento que recibe a bolsa amarela, é dicir, os envases de plástico, latas e briks depositados nos contedores amarelos, e a bolsa negra, isto é, a fracción resto introducida nos contedores xenéricos. Ambas as dúas transpórtanse, de forma diferenciada, ao Complexo Medioambiental de Cerceda, na Coruña, onde os envases son separados na planta de clasificación por tipoloxías, e de forma automática, para envialos aos centros recicladores.
Respecto da bolsa negra, Sogama consegue recuperar os materiais susceptibles de ser reciclados, que envía á industria transformadora, acondicionando coa parte non reciclable un combustible CDR que alimenta unha planta termoeléctrica na que se xera a electricidade equivalente ao consumo do 12% dos fogares galegos. Desta forma, a empresa pública, non só evita que esta fracción acabe no vertedoiro, a peor das opcións polo seu negativo impacto sobre o medio ambiente e a saúde pública, senón que a valoriza obtendo enerxía, un valioso recurso.
Tamén se avanzou o tratamento ao que somete Sogama a materia orgánica recollida en distintos municipios a través do contedor marrón, en proceso de implantación.
Durante as sesións formativas proxectáronse vídeos, fixéronse presentacións e mesmo se puxeron en práctica diversos xogos, como o da caixa sensorial, que causou furor entre os máis pequenos.
Os monitores incidiron na importancia da responsabilidade individual e colectiva na xestión dos residuos e animaron a toda a comunidade educativa do centro a implicarse activamente na correcta xestión dos residuos e mesmo a levar a cabo unha tarefa educativa no ámbito familiar e social para avanzar cara a unha verdadeira economía circular.
Saúdos, Departamento de comunicación