- O Xefe de Control Técnico e Económico, Calidade e Medio Ambiente, Pedro Alcázar Arévalo, foi o encargado de explicar os pormenores da actividade desta empresa pública
- Así mesmo, e tendo en conta a súa área profesional, detallou as medidas de control ambiental adoptadas nas instalacións da compañía para garantir a plena compatibilidade da súa actividade industrial coa protección do medio ambiente e a saúde.
Cerceda, a 25 de marzo de 2022.- Convidado pola Universidade de Santiago de Compostela, o Xefe de Control Técnico e Económico, Calidade e Medio Ambiente de Sogama, Pedro Alcázar Arévalo, impartiu unha clase presencial ao alumnado que actualmente cursa o Máster de Enerxías Renovables e Sustentabilidade Enerxética da USC (MERYCSE), e que se desenvolve en Facultade de Física.
O portavoz de Sogama explicou, entre outras cuestións, a operativa do servizo público que, en materia de xestión sostible de residuos urbanos, esta entidade presta a 295 concellos galegos (o 94% do total), así como as súas funcionalidades, melloras acometidas durante os últimos anos e retos a enfrontar nun futuro próximo.
Así mesmo, e tendo en conta a súa área profesional, Alcázar detívose en detallar todas as medidas de control ambiental instauradas na infraestrutura da Sociedade Galega do Medio Ambiente para garantir a plena compatibilidade da súa actividade industrial coa protección do medio ambiente e a saúde.
SOBRE MERYCSE
Trátase do único Máster en España que ten adscrito un programa de Doutoramento en Enerxías Renovables e Sustentabilidade Enerxética. Desta forma, e dada a súa dobre orientación investigadora e profesional, reforza a súa capacidade formativa, permitindo ao alumnado elixir entre seguir completando os seus coñecementos co Doutoramento ou incorporarse ao mercado laboral.
En concreto, MERYCSE pretende capacitar aos estudantes para desenvolverse profesionalmente nas enerxías renovables e o I+D+i; planificar, deseñar, proxectar, xestionar e explotar solucións enerxéticas sostibles; coñecer de forma global as solucións enerxéticas renovables; familiarizarse cos procesos de transición xusta; emitir certificacións de eficiencia enerxética; e desenvolver proxectos no ámbito do Green Deal.
Este Máster está aberto a titulados en Ciencias, Enxeñería, Arquitectura, Ciencias Sociais e Ciencias Xurídicas.
Saúdos, Departamento de Comunicación