- Terán lugar mañá e pasado (15 e 16 de setembro), ás 19:30 horas, no Edificio de Servizos Múltiples.
- Técnicos desta empresa pública explicarán a operativa a seguir polos participantes a fin de obter un abono natural de alta calidade que poida ser aplicado na agricultura con garantías.
- Sogama subministrou a este concello 100 composteiros de 390 litros de capacidade que serán entregados a outras tantas familias que habiten en vivendas unifamiliares e dispoñan de terreo.
Cerceda, a 14 de setembro de 2020.- Trala adhesión do Concello de Coristanco (A Coruña) ao programa de compostaxe doméstica de Sogama, técnicos da empresa pública, a petición do propio ente local, desprazaranse a este municipio mañá e pasado (días 15 e 16 de setembro) para impartir senllos cursos de formación dirixidos aos veciños que, voluntariamente, teñan decidido participar nesta iniciativa. Ambas xornadas celebraranse, ás 19:30 horas, no Edificio de Servizos Múltiples.
Debido ás medidas de seguridade e de protección enmarcadas na pandemia do COVID-19, programáronse dúas sesións para que o aforo de cada unha sexa menor (ocupando tan só o 30% de capacidade do espazo dispoñible) e as persoas interesadas poidan recibir as atencións necesarias sen riscos.
Coa axuda de distintos recursos (presentacións e vídeos), explicarase aos asistentes a técnica a aplicar para obter un compost de calidade: desde o propio emprazamento do composteiro, que debe colocarse nunha zona sombreada, protexida do vento e en contacto directo co solo para facilitar a entrada de microorganismos descompoñedores, ata a relación de materiais que deben e non deben depositarse no mesmo, sen esquecer o control de parámetros clave como son o osíxeno, a temperatura e a humidade.
O obxectivo é que o abono natural resultante do proceso cumpra con todos os requisitos recollidos na normativa vixente e poida ser aplicado na agricultura con garantías e sen restricións.
A fin de complementar as instrucións que se proporcionarán in situ, as familias participantes recibirán un manual didáctico de apoio no que se describen os pasos a seguir, dáse resposta ás preguntas máis frecuentes e resólvense os erros máis comúns.
Adicionalmente, teñen á súa disposición un sitio web específico www.compostaconsogama.gal
Coristanco recibiu, de mans de Sogama, un total de 100 composteiros (de 390 litros de capacidade e fabricados con materiais reciclados e reciclables) que serán entregados a outras tantas vivendas unifamiliares que conten con terreo (horta, xardín ou terras de cultivo) no que aplicar o compost resultante, pechando así o círculo de reciclaxe da materia orgánica. Será o persoal do propio concello o encargado de facer o seguimento desta iniciativa, con grandes beneficios ambientais, económicos e sociais.
Saúdos, Departamento de Comunicación