- Terán lugar o vindeiro martes, 22 de setembro, ás 19:00 e ás 19:45 horas, no salón de actos do concello.
- A empresa pública entregou ao concello 40 composteiros a fin de que outras tantas familias se beneficien desta iniciativa.
- O obxectivo das xornadas é que os participantes coñezan a técnica e consulten todas as súas dúbidas.
Cerceda, a 18 de setembro de 2020.- Tras entregar 40 compostadores en Cortegada (Ourense) para que a reciclaxe da materia orgánica poida estenderse a outros tantos fogares, Sogama impartirá o vindeiro martes, 22 de setembro, dous cursos de formación presenciais dirixidos ás familias que participan nesta iniciativa.
Terán lugar ás 19:00 e 19:45 horas no salón de actos do concello, estando invitados aqueles veciños que, de forma voluntaria, decidiran sumarse á autocompostaxe, unha práctica tradicional no rural galego.
A fin de instruílos na operativa, persoal técnico ao servizo desta empresa pública explicará de forma pormenorizada os pasos a seguir para obter un compost de calidade: desde a propia ubicación do composteiros, que debe estar nunha zona sombreada, protexida do vento e en contacto directo coa terra para facilitar a entrada dos microorganismos descompoñedores, ata a relación de materiais que deben e non deben depositarse no mesmo, así como o control de parámetros claves tales como o osíxeno, a temperatura e a humidade.
Os asistentes terán a oportunidade de consultar as súas dúbidas, tanto sobre a reciclaxe da materia orgánica en si como sobre a xestión dos residuos urbanos en xeral a fin de que esta sexa máis sostible.
Así mesmo, entregaránselles manuais didácticos nos que se recolle toda a información sobre esta iniciativa e dáse resposta ás preguntas máis frecuentes, ademais de aportar solucións aos erros máis comúns.
O seguimento do programa corresponde ao propio concello, quen debe avaliar a acollida e a implicación dos usuarios.
Máis información en www.compostaconsogama.gal
Saúdos, Departamento de Comunicación