- Terá lugar este mércores, 27 de marzo, e diríxese a un grupo de alumnos/as maiores de 60 anos con inquietudes e intereses medioambientais.
- Explicaráselles o cometido de Sogama e farase especial fincapé no proceso de ampliación do complexo industrial de Cerceda, onde se xestionan os residuos procedentes de 295 concellos, incluíndo a cidade de Ferrol.
- Esta mellora permitirá á empresa pública multiplicar por catro a súa achega á reciclaxe e acadar en 2020 o vertido técnico cero.
Cerceda, a 25 de marzo de 2019.- Técnicos de Sogama impartirán este mércores, 27 de marzo, no campus de Ferrol, unha sesión formativa dirixida ao alumnado que cursa os seus estudos na Universidade Senior da Coruña. Trátase de persoas maiores de 60 anos con inquietudes e intereses en adquirir novos coñecementos en distintas áreas de estudo, incluíndo a medioambiental.
Tomando como referencia a cada vez máis elevada produción de residuos e a necesidade de levar a cabo unha xestión sostible dos mesmos con plenas garantías ambientais, económicas e sociais, explicaráselles o cometido de Sogama e as novidades vinculadas á actividade industrial desta empresa pública.
Así, darase conta do proceso de ampliación do seu complexo medioambiental de Cerceda, que verá incrementada a súa capacidade nun 81% ao pasar de 550.000 toneladas anuais a 1.000.000. Con isto, esta empresa pública, non só tratará en condicións óptimas todos os refugallos recepcionados na súa infraestrutura e procedentes de 295 concellos galegos (incluída a cidade de Ferrol), senón que ata podería xestionar o lixo urbano procedente de toda Galicia, se así fose necesario.
A primeira fase da obra de ampliación, cun investimento de 19 millóns de euros, concluíu o pasado mes de novembro e materializouse a través da posta en marcha dunha nova planta para a recuperación dos materiais contidos no lixo en masa. Esta instalación, concibida en liña coa industria 4.0, permite seleccionar ata 11 tipoloxías de residuos, que son transportados posteriormente á industria transformadora para a súa reincorporación ao circuíto comercial cunha nova vida.
A segunda fase desta ampliación, á que se destinan 10 millóns de euros, consiste na remodelación da antiga planta de reciclaxe, tratamento e elaboración de combustible, que se estenderá ata mediados do presente ano. Será entón cando Sogama posicionarase como a infraestrutura das súas características máis innovadora e eficiente de Europa, sendo todo un referente a nivel mundial.
Esta ampliación permitirá á Sociedade cuadruplicar as súas taxas de reciclaxe e chegar no ano 2020 ao vertido técnico cero, un obxectivo establecido polo Parlamento Europeo que rexerá para os Estados membros en 2035, pero ao que Sogama dará debido cumprimento con 15 anos de antelación, estando en plena sintonía coa xestión xerarquizada de residuos que pregoa a Unión Europea e que dá comezo coa prevención e a redución, continúa coa reutilización e a reciclaxe, e culmina coa valorización (incluída a enerxética), relegando o vertido a último lugar polo seu negativo impacto para o medio ambiente e a saúde.
Sogama xestiona tamén os materiais procedentes da recollida selectiva do contedor amarelo, que clasifica por tipos para envialos igualmente aos centros de reciclado.
Saúdos, Departamento de Comunicación