- Celebrarase o vindeiro sábado, 13 de novembro, ás 11:00 horas, no Centro Cultural MELGA.
- O obxectivo desta actividade é que os veciños participantes teñan a oportunidade de coñecer con máis detalle o proceso de autoxestión da materia orgánica e consulten as súas dúbidas para obter un compost de alta calidade.
- A empresa pública entregou neste Concello un total de 130 composteiros.
Cerceda, a 9 de novembro de 2021.- A petición do Concello de Ponteceso, técnicos de Sogama impartirán nesta localidade coruñesa un novo curso de formación sobre compostaxe doméstica. Terá lugar o vindeiro sábado, 13 de novembro, ás 11:00 horas no Centro Cultural MELGA.
Do mesmo xeito que o anterior, celebrado cunha excelente acollida o pasado 18 de setembro, explicarase aos asistentes as distintas fases do proceso de autoxestión da materia orgánica e como desenvolver cada unha para que o compost resultante cumpra con todos os requisitos de calidade para ser aplicado con garantías na agricultura e/ou xardinería.
Sogama subministrou a Ponteceso un total de 130 composteiros, con capacidade para 400 litros e fabricados con materiais reciclados e reciclables, así como outros tantos manuais didácticos de apoio destinados aos veciños participantes. Non obstante, a cita do próximo sábado constituirá unha oportunidade para que os usuarios poidan consultar as súas dúbidas e trasladar as súas propostas de cara a mellorar a xestión dos residuos no seu municipio, facéndoa máis sostible e circular.
Con este programa, o Concello pretende alcanzar importantes beneficios ambientais, económicos e sociais, á vez que recupera unha práctica tradicional no rural galego como é a segregación dos residuos orgánicos para alimento do gando e/ou elaboración de compost, que regresa á terra en forma de nutriente para dar unha nova vida. Todo un exemplo de economía circular.
Saúdos, Departamento de Comunicación