- Terá lugar o próximo 30 de outubro, na Casa do Mar, a partir das 19:00 horas.
- Está dirixido aos veciños que participan no programa de autocompostaxe promovido polo concello, en colaboración con Sogama
- A empresa pública entregou recentemente ao ente local un total de 30 composteiros que, sumados ás partidas anteriores, fan un total de 165 recipientes.
Cerceda, a 25 de outubro de 2019.- Trala dotación, por parte de Sogama, dunha nova partida de 30 composteiros domésticos ao concello Ribadeo, técnicos desta empresa pública desprazaranse o próximo 30 de outubro a esta localidade lucense para impartir un curso de formación presencial sobre compostaxe doméstico, a celebrar na Casa do Mar (Salón de Actos) a partir das 19:00 horas, e que estará orientado aos veciños adscritos a esta iniciativa.
Tendo en conta as dotacións anteriores, xa suman 165 os composteiros entregados por Sogama ao ente local, posibilitando que outras tantas vivendas unifamiliares formen parte deste programa e teñan a oportunidade de reciclar en orixe a súa materia orgánica, alcanzando con isto importantes beneficios ambientais, económicos e sociais.
Os recipientes, de ao redor de 400 litros de capacidade, están fabricados con materiais reciclados e reciclables, e posibilitan que o proceso de fermentación da materia orgánica e a súa conversión en compost se leve a cabo dunha forma máis hixiénica e cómoda.
Os monitores explicarán con detalle a técnica a desenvolver: desde a propia ubicación do composteiro ata o control de parámetros tales como o osíxeno, a temperatura e a humidade, así como a correcta aplicación do abono resultante, con excelentes propiedades para o solo, xa que, ademais do seu alto poder fertilizante, serve tamén como barreira ante posibles pragas e enfermidades.
Os asistentes á xornada recibirán igualmente un manual didáctico de apoio no que se relata o procedemento e dáse resposta ás preguntas máis frecuentes. Así mesmo, teñen a súa disposición un sitio web www.compostaconsogama.gal, a través do cal poden acceder a recursos pedagóxicos complementarios tales como vídeos, xogos, contidos online, etc.
Saúdos, Departamento de Comunicación