- Enmárcanse no proxecto de cooperación transfronteiriza Res4ValOR, cofinanciado polo FEDER a través do Programa Interreg V-A España-Portugal (POCTEP) 2014-2020, e no que participan, en calidade de socios, Sogama e a USC, ademais da Universidade do Minho (Portugal)
- Nas mesmas explicaranse os pormenores e bondades da compostaxe, tanto doméstica como industrial, e atenderanse as dúbidas trasladadas polos asistentes, quen será obsequiados con packs de bolsas compostables
Cerceda, a 24 de abril de 2023.- Persoal técnico ao servizo de Sogama impartirá esta semana sesións formativas sobre compostaxe, tanto doméstica como industrial, dirixidas a distintos colectivos sociais de Santiago de Compostela.
Co apoio do propio Concello, quen participou activamente na organización das mesmas, mañá, día 25, terá lugar a primeira das charlas no Centro Sociocultural do Castiñeiriño, ás 19.00 horas. O mércores 26, levarase a cabo en Cornes, na antiga estación do tren, ás 20.15 horas, e, o xoves 27, no Centro Xoven da Almáciga, ás 19.00 horas.
O obxectivo destes encontros é reforzar os coñecementos da veciñanza na compostaxe e incidir no potencial que a materia orgánica ten como fertilizante natural para o solo, ao que, ademais de achegarlle nutrientes, protéxeo fronte a pragas e enfermidades.
A lexislación europea fixou no seu momento o 31 de decembro de 2023 como prazo límite para que os concellos, que son os que teñen as competencias en materia de residuos, instauren os mecanismos necesarios para recoller de forma separada a materia orgánica a fin de que esta reciba o tratamento oportuno. Así, detallaranse os materiais que deben e non deben depositarse no composteiro e contedor marrón, e explicarase a operativa en cada caso.
O composteiro, de carácter doméstico, é xestionado por cada familia, encargándose da mestura equilibrada de material seco e húmido, e o control de parámetros de gran interese talles como o osíxeno, a temperatura e a humidade. O compost resultante aplicarao na súa horta, xardín e/ou terras de cultivo, pechando desta forma o ciclo de reciclaxe da fracción orgánica, que regresa á terra en forma de abono para dar unha nova vida.
No caso da compostaxe industrial, unha vez recollidos os restos orgánicos do contedor marrón por parte dos servizos municipais, transpórtanse ata a planta de biorresiduos de Cerceda, onde son sometidos a un proceso de fermentación controlada e maduración, que dura varias semanas, concluíndo o circuíto co afino final. O compost resultante destínase á agricultura e xardinería.
PROXECTO RES4VALOR: MARCO DE REFERENCIA
Estas sesións formativas enmárcanse no proxecto de cooperación transfronteiriza Res4ValOR (Redución, reutilización, reciclaxe e revalorización de residuos orgánicos), que está cofinanciado polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) a través do Programa Interreg V-A España-Portugal (POCTEP) 2014-2020.
Forman parte deste proxecto, en calidade de socios, Sogama e a Universidade de Santiago de Compostela, ademais da Universidade do Minho (Portugal), sendo o seu obxectivo desenvolver accións de capitalización de resultados do proxecto Res2ValHum (“Valorización de residuos orgánicos: produción de substancias húmicas”).
Estas charlas constituirán unha oportunidade para que os cidadáns amplíen a súa bagaxe na compostaxe, consulten dúbidas, poñan en común as súas experiencias e interioricen as bondades que trae consigo a valorización da materia orgánica, xa que, máis aló do alto poder fertilizante do abono resultante, este proceso reduce tamén a presenza de materia orgánica no contedor convencional. Así mesmo, incrementa a cantidade e calidade do resto das fraccións recollidas selectivamente, garantindo con isto un maior reciclado e, polo tanto, unha maior contribución ao cumprimento dos obxectivos europeos fixados para os próximos anos.
Os asistentes serán obsequiados con packs de bolsas compostables.
CALENDARIO DE SESIÓNS FORMATIVAS EN SANTIAGO
FECHA |
LUGAR DE CELEBRACIÓN |
HORA |
25/04/2023 |
Centro Sociocultural de O Castiñeiriño |
19:00 |
26/04/2023 |
Cornes (Antigua estación de tren) |
20:15 |
27/04/2023 |
Centro Joven de la Almácega (Salón de Actos) |
19:00 |
Saúdos, Departamento de Comunicación