- Educadores desta empresa pública viaxarán mañá, día 15, a este municipio lucense para instruír aos escolares na xestión sostible dos residuos urbanos.
- O IES Xograr Afonso Gómez distinguiuse desde sempre polas súas numerosas e exitosas iniciativas orientadas á protección ambiental, traballo polo que foi recoñecido en diversas ocasións, tendo recibido o premio “Ecovaledor” de mans do presidente de Sogama, Javier Domínguez.
- Cabe recordar que este centro foi un dos primeiros que visitou o Complexo Medioambiental de Sogama en Cerceda, mantendo desde entón unha estreita relación con esta empresa pública, quen valorou e enxalzou en todo momento o seu indiscutible compromiso ambiental.
Cerceda, a 14 de xaneiro de 2020.- Aínda que os escolares do IES Xograr Afonso Gómez son uns avantaxados en materia ambiental, toda vez que teñen o privilexio de contar cunha dirección moi sensibilizada coa protección da contorna e a vida saudable, mañá, a petición do centro, educadores ao servizo de Sogama desprazaranse a Sarria para impartir varias sesións formativas sobre xestión de residuos e, o máis importante, sobre o papel que os cidadáns deben desempeñar para que esta se leve a cabo de forma sostible.
Este instituto desenvolve o seu propio programa ambiental con diversas actividades nas que se traballa a preservación do medio natural desde a formación en valores (solidariedade, respecto, compañeirismo, empatía, …).
Non en van, contan cunha iniciativa denominada “Aulas limpas e xeitosas”, a través da cal, e coa axuda do persoal de limpeza, avalíase a orde e o bo estado do espazo de traballo. Desta forma, inculcan aos seus alumnos un comportamento cívico que, sen lugar a dúbidas, propicia un maior rendemento e unha mellor convivencia.
Os numerosos e exitosos plans de acción impulsados por este centro levoulle a facerse con varios recoñecementos, entre eles o premio “Ecovaledor”, que entregou no seu momento o presidente de Sogama, Javier Domínguez Lino.
Así mesmo, cabe recordar que o Xograr Afonso Gómez foi un dos primeiros centros educativos que visitou o Complexo Medioambiental de Sogama en Cerceda, mantendo desde entón unha estreita relación con esta empresa pública, quen valorou e enxalzou en todo momento o seu indiscutible compromiso ambiental.
Na xornada de mañá, incidirase na importancia clave que ten o consumo responsable, a menor xeración de lixo, a reutilización dos produtos e a correcta segregación dos mesmos, unha vez convertidos en residuos, para que, tras ser depositados nos correspondentes contedores, se convertan en novos produtos.
As sesións servirán tamén para clarificar dúbidas e recoller as impresións e achegas dos escolares a través dun coloquio no que se abordarán distintas temáticas tales como a contaminación por plásticos, a compostaxe e, por suposto, a economía circular.
Saúdos, Departamento de Comunicación