- Foi solicitado polo ente local trala súa adhesión oficial ao programa de compostaxe doméstica de Sogama, invitando a asistir ao mesmo ás familias que participarán nesta experiencia.
- A empresa pública subministrou ao concello 25 composteiros, de 400 litros de capacidade e fabricados con materiais reciclados e reciclables, así como outros tantos manuais didácticos de apoio.
- Condición indispensable é que as vivendas participantes sexan unifamiliares e dispoñan de terreo no que aplicar o compost resultante.
Cerceda, a 24 de abril de 2019.- Sogama impartirá mañá, 25 de abril, ás 20:00 horas, un curso de formación presencial sobre compostaxe doméstica na localidade coruñesa de Santiso (antigo concello). Farao a petición do ente local, tras adherirse este ao seu programa de compostaxe doméstica, tendo recibido xa, de mans da Sociedade pública, 25 composteiros (de 400 litros de capacidade e fabricados con materiais reciclados e reciclables), así como outros tantos manuais didácticos de apoio a repartir entre os veciños participantes.
Polo tanto, serán 25 as vivendas que participen activamente nesta iniciativa. Condición indispensable é que sexan unifamiliares e que dispoñan de terreo (horto, xardín ou terras de cultivo) no que aplicar o compost resultante.
No transcurso da sesión formativa explicarase aos veciños a técnica a desenvolver nas súas casas para conseguir un abono de boa calidade e apto para ser aplicado ao solo con garantías. Orientaráselles sobre a propia ubicación do composteiro, que debe estar próximo á vivenda, en contacto directo coa terra para que os organismos descompoñedores teñan un fácil acceso ao interior do recipiente, e nunha zona sombreada e protexida de cambios bruscos de temperatura e humidade. Así mesmo, indicaráselles os materiais que poden e non poden ser depositados no composteiro, e como deben controlar parámetros esenciais para o proceso, como son o osíxeno , a temperatura e a humidade.
Trala sesión formativa, o concello procederá ao reparto dos recipientes entre as familias que decidan formar parte deste programa e cumpran os requisitos.
Adicionalmente, os interesados contan cunha páxina web específica www.compostaconsogama.gal, na que poderán atopar toda a información e recursos divulgativos tales como vídeos e xogos para unha mellor comprensión do proceso a levar a cabo.
O seguimiento do programa corresponde ao propio concello.
BENEFICIOS
A activa participación nesta iniciativa traerá consigo importantes beneficios, especialmente desde a dimensión ambiental, xa que , se se recupera a materia orgánica en orixe, que representa en torno ao 42% da composición media dunha bolsa de lixo tipo, evítase o seu depósito no contedor verde convencional, propiciando que se reduza a frecuencia de recollida e transporte do lixo convencional por parte dos servizos municipais e, polo tanto, as emisións de CO2 á atmosfera.
Así mesmo, diminuirá a cantidade de lixo a entregar a Sogama, coa conseguinte redución do importe da factura a pagar a esta empresa pública.
Saúdos, Departamento de Comunicación