-
Coa colaboración de Applus, levarase a cabo os días 14 e 15 de maio e terá unha duración total de 5 horas lectivas
-
O curso, de carácter gratuíto, estrutúrase en 5 bloques temáticos: marco normativo, xestión municipal, implantación da recollida separada de biorresiduos, o papel de Sogama e reflexións finais
-
Os interesados teñen de prazo ata o vindeiro 9 de maio para formalizar a inscrición
Cerceda, a 6 de maio de 2024.- Sogama, coa colaboración de Applus, lanza un curso de formación en liña, orientado ao persoal dos 295 concellos adheridos ao seu modelo de xestión (representantes políticos, así como técnicos, administrativos e auxiliares), co obxectivo de profundar na recollida diferenciada da materia orgánica.
Baixo o título “A implantación do contedor marrón: desafíos e oportunidades”, levarase a cabo os días 14 e 15 de maio, enmarcándose na conmemoración do Día da Reciclaxe, que terá lugar o 17 de maio, coincidindo co Día das Letras Galegas.
Estrutura
Cunha duración total de 5 horas lectivas (2 horas e media cada xornada), en horario de 10:00 a 12:30 h, o curso estrutúrase en 5 bloques temáticos.
O primeiro e o segundo centraranse no marco normativo e a xestión municipal, abordando outras formas de xestión da materia orgánica, como é a compostaxe doméstica.
No terceiro bloque abordarase a implantación da recollida separada de biorresiduos, dando conta dos obxectivos a alcanzar, o encaixe nos modelos tradicionais, a revisión de ordenanzas municipais, a dimensión do novo servizo e custos asociados, a definición e disposición de medios, así como a modificación dos contratos para a súa xestión, reservando un apartado para as campañas de información e sensibilización.
E xa o cuarto bloque cinguirase ao papel de Sogama en relación ao quinto contedor, concretamente á rede pública de infraestruturas despregada en Galicia para a valorización da materia orgánica mediante a súa transformación en compost e que está conformada por 4 plantas de biorresiduos (Cerceda, en A Coruña; Cervo, en Lugo; Vilanova de Arousa, en Pontevedra; e Verín, en Ourense) e 13 plantas de transferencia de apoio.
Así mesmo, darase a coñecer o programa de compostaxe doméstica no que a empresa pública leva traballando desde hai anos e ao que están adscritas 466 entidades (228 concellos, 206 centros educativos e 32 colectivos sociais), tendo repartido entre as mesmas, e de forma gratuíta, preto de 22.000 composteiros.
O último bloque preséntase como un coloquio no que os participantes poderán deixar constancia das súas reflexións e preguntar todas as dúbidas que poidan ter sobre o tratado durante o curso.
Obxectivos
Con esta iniciativa, Sogama pretende achegar toda a información posible para que aqueles concellos que, por determinadas circunstancias, aínda non teñan implantada a recollida selectiva da materia orgánica, o fagan canto antes, en cumprimento da normativa vixente, e que aqueles outros que a teñan instaurada, poidan despexar dúbidas e/ou deixar constancia das súas experiencias e comentarios.
O curso ten carácter gratuíto e os interesados dispoñen de prazo ata o vindeiro 9 de maio para formalizar a inscrición. Os que así o desexen, recibirán un diploma acreditativo.
Saúdos, Departamento de Comunicación