- Con esta acción formativa, que leva por título “Pechando o Círculo: a Educación Ambiental do Século XXI”, a empresa pública pretende trasladar aos docentes a importancia da educación ambiental como elemento transversal no currículo académico e como ferramenta prioritaria na transición cara á economía circular
- Cunha duración de 30 horas lectivas, o curso arrincou hoxe mesmo a través de PLATEGA (Plataforma de Teleformación Galega) e concluirá o próximo 3 de marzo
- A día de hoxe, Sogama impartiu 17 cursos en liña (este é o número 18), nos que se inscribiron preto de 900 persoas pertencentes a distintos colectivos tales como Concellos, profesorado e Forzas de Seguridade, entre outros
Cerceda, a 19 de xaneiro de 2023.- Sogama aborda unha nova edición dos seus cursos en liña, que orienta, do mesmo xeito que en anos anteriores, ao profesorado dependente da Xunta de Galicia, tanto de Infantil e Primaria, como de Secundaria.
Con este curso, que leva por título “Pechando o Círculo: a Educación Ambiental do Século XXI”, a empresa pública pretende trasladar aos docentes a importancia da educación ambiental como elemento transversal no currículo académico e como ferramenta prioritaria na transición que a sociedade debe facer cara á economía circular, deixando atrás o obsoleto e caduco sistema lineal no que priman as malas prácticas de usar e tirar.
Así mesmo, dará a coñecer as características do modelo de desenvolvemento circular e a forma de contribuír ao mesmo desde a xestión sostible dos residuos municipais. Tamén como activar a loita contra o cambio climático e como garantir a conservación da biodiversidade e o uso eficiente dos recursos naturais. Igualmente, proporcionará os instrumentos didácticos e divulgativos de interese para contribuír a preservar o medio ambiente desde as aulas e fóra delas.
MÓDULOS TEMÁTICOS
Cunha duración de 30 horas lectivas, esta actividade formativa lévase a cabo a través de PLATEGA (Plataforma de Teleformación Galega), xestionada polo CAFI (Centro Autonómico de Formación e Innovación, adscrito á súa vez á Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades).
Arrincou hoxe mesmo e concluirá o próximo 3 de marzo, estando conformada por dez módulos temáticos
1.- A educación ambiental: concepto, proxección e alcance.
2.- Da economía lineal á economía circular: o reto dunha sociedade circular
3.- A figura do educador ambiental: competencias, habilidades e aptitudes.
4.- Consumo responsable, consciente e informado.
5.- Loita contra o cambio climático desde o coñecemento e as boas prácticas.
6.- As ecoescolas: un paso adiante na construción dun futuro sostible.
7.- Xestión responsable dos residuos urbanos. Pormenores do modelo Sogama e o seu labor en Galicia.
8.- Programa de educación ambiental no sistema Sogama.
9.- Deseño de accións ambientais e materiais didácticos de referencia.
10. Hora de actuar: cara a unha sociedade da sostibilidade.
Transversalmente, proporcionaranse contidos de interese vinculados ao medio ambiente de forma global e á correcta xestión dos residuos municipais en particular, así como novas de actualidade, boas prácticas, campañas divulgativas, etc.
AVALIACIÓN
Cada tema vai asociado a unha proba de avaliación tipo test, resultando indispensable que os participantes superen cada unha para acceder ao seguinte módulo. Os contidos complementaranse cunha actividade práctica obrigatoria baseada no principio europeo dos tres erres (redución, reutilización e reciclaxe) e a súa aplicación nos centros escolares.
A plataforma a través da cal se impartirá o curso, conta cun foro específico no que os participantes poden deixar constancia dos seus coñecementos, dúbidas, preguntas e experiencias, e mesmo expoñer cuestións a debater co fin de enriquecer os contidos e enfocalos a través de distintos puntos de vista.
PRETO DE 900 PARTICIPANTES
A día de hoxe, Sogama impartiu 17 cursos en liña (o que nos ocupa será o número 18), que clasificou entre básicos (de 30 horas lectivas e centrados na xestión dos residuos) e avanzados (de 50 horas lectivas e centrados na economía circular).
Preto de 900 persoas pertencentes a distintos colectivos tales como Concellos, Forzas de Seguridade e profesorado, entre outros, inscribíronse nestes cursos para reforzar os seus coñecementos ambientais, fundamentalmente no ámbito dos residuos, espertando todos eles un gran interese, ademais de ser valorados polos participantes cunha alta puntuación.
Saúdos, Departamento de Comunicación