- Con esta acción formativa, a empresa pública pretende trasladar aos docentes a importancia da educación ambiental como elemento transversal no currículo académico e como ferramenta prioritaria na transición cara á economía circular
- Cunha duración de 30 horas lectivas, o curso impártese través de PLATEGA (Plataforma de Teleformación Galega)
Cerceda, a 15 de febreiro de 2024.- Baixo o título “Pechando o Círculo: a Educación Ambiental do Século XXI”, Sogama deu comezo a un novo curso en liña, orientado ao profesorado dependente da Xunta de Galicia, tanto de Infantil e Primaria, como de Secundaria.
O obxectivo desta formación é trasladar aos docentes a importancia da educación ambiental como elemento transversal no currículo académico e como ferramenta fundamental na transición cara á economía circular.
Módulos temáticos
Cunha duración de 30 horas lectivas, esta acción formativa desenvólvese, do mesmo xeito que en edicións anteriores, a través de PLATEGA (Plataforma de Teleformación Galega), xestionada polo CAFI (Centro Autonómico de Formación e Innovación, adscrito á súa vez á Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades).
Ao longo do curso abordaranse 10 módulos temáticos cos que se pretende trasladar ao profesorado os conceptos básicos vinculados á educación ambiental, así como os recursos que lles permitan, desde as aulas, contribuír a un mundo mellor
1.- A educación ambiental: concepto, proxección e alcance.
2.- Da economía lineal á economía circular: o reto dunha sociedade circular.
3.- A figura do educador ambiental: competencias, habilidades e aptitudes.
4.- Consumo responsable, consciente e informado.
5.- Loita contra o cambio climático desde o coñecemento e as boas prácticas.
6.- As ecoescolas: un paso adiante na construción dun futuro sostible.
7.- Xestión responsable dos residuos municipais. Pormenores do modelo Sogama e o seu labor en Galicia.
8.- Programa de educación ambiental no sistema Sogama.
9.- Deseño de accións ambientais e materiais didácticos de referencia.
10. Hora de actuar: cara a unha sociedade da sostibilidade.
A avaliación realízase a través de probas tipo test e culmina cunha actividade práctica obrigatoria baseada no principio europeo das tres erres (redución, reutilización e reciclaxe) e a súa aplicación nos centros escolares.
A plataforma a través da cal se imparte o curso, conta cun foro específico no que os participantes poden deixar constancia das súas observacións, dúbidas, preguntas e experiencias, e mesmo expor cuestións a debater co fin de enriquecer os contidos.
Preto de 1.000 participantes
Con este son 19 os cursos en liña impartidos por Sogama, que dirixiu, non só a docentes, senón tamén a alcaldes, concelleiros e técnicos de concellos, ademais de membros das Forzas de Seguridade, sendo a súa pretensión proporcionar, ampliar ou reforzar os coñecementos ambientais dos participantes, que a día de hoxe suman preto dun milleiro.
Saúdos, Departamento de Comunicación