
- O obxectivo desta actividade formativa é poñer en valor a educación ambiental como disciplina transversal no currículo académico, capacitar aos docentes para que sexan parte activa na mesma e dotalos das ferramentas didácticas e pedagóxicas necesarias
Cerceda, a 18 de marzo de 2025.- Baixo o título “Pechando o círculo: a educación ambiental do século XXI”, Sogama imparte, a través do CAFI (Centro Autonómico de Formación e Innovación), dependente da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, un novo curso en liña dirixido ao profesorado de Infantil, Primaria e ESO adscrito á Xunta de Galicia.
O obxectivo desta actividade formativa é poñer en valor a educación ambiental como disciplina transversal no currículo académico, capacitar aos docentes para que sexan parte activa na mesma e dotalos das ferramentas didácticas e pedagóxicas necesarias para que poidan instaurar a xestión sostible dos residuos nos centros educativos, posibilitando ao mesmo tempo que as boas prácticas se extrapolen ao ámbito familiar e social do alumnado.
Con 30 horas lectivas, o curso deu comezo o pasado 14 de marzo e estenderase ata o 30 de abril, período no que se impartirán 10 módulos teóricos que se centrarán en temáticas tales como a contribución aos ODS (Obxectivos de Desenvolvemento Sostible) desde a escola, o Pacto Verde Europeo, a economía circular, a loita contra o cambio climático, a figura do educador ambiental 2.0 e o sistema Sogama desde a súa dimensión industrial, ambiental, pedagóxica e social, entre outras.
Os módulos están asociados a probas tipo test que deberán superarse progresivamente para avanzar nos contidos, que en todo caso complementaranse cunha pequena actividade final a través da cal o profesorado participante terá a oportunidade de levar á práctica o apreso.
O curso contará con dous titores que se encargarán de reforzar as informacións, resolver dúbidas, compartir noticias de interese, proporcionar recursos didácticos e, en definitiva, dinamizar todos aqueles elementos que contribúan a enriquecer os contidos e que realmente poidan ser de interese e utilidade para os docentes.
Con este serán 20 os cursos en liña impartidos por Sogama e nos que participaron distintos grupos sociais, con preto de 1.000 inscricións, sendo o profesorado o colectivo maioritario.
Saúdos, Departamento de Comunicación