- Baixo o título “Pechando o círculo: a Educación Ambiental do Século XXI”, está orientado a docentes de infantil, primaria e ESO.
- Coordinado polo CAFI, conta cun total de 30 horas lectivas, encargándose dous técnicos de Sogama do servizo de titoría.
- Con este, xa son 17 os cursos en liña impartidos por Sogama, dirixidos, ademais de ao profesorado, a técnicos e cargos políticos locais, así como ás Forzas de Seguridade.
Cerceda, a 2 de febreiro de 2022.- Baixo o título “Pechando o círculo: a Educación Ambiental do Século XXI”, Sogama lanza un novo curso en liña dirixido ao profesorado de infantil, primaria e ESO adscrito á Xunta de Galicia.
A súa pretensión é implicar aos docentes na educación ambiental dos adultos do futuro, que tomen conciencia da importancia que ten transitar desde o obsoleto modelo de economía lineal, caracterizado polas malas prácticas de usar e tirar, a un circular no que os residuos se converten en recursos, e facilitar o seu acceso a instrumentos didácticos e divulgativos de interese para contribuír a preservar o medio ambiente desde as aulas e fóra delas.
O curso está coordinado polo CAFI (Centro Autonómico de Formación e Innovación), dependente da Consellería de Cultura, Educación e Universidade e conta cun total de 30 horas lectivas, encargándose dous técnicos de Sogama do servizo de titoría, que inclúe a dinaminzación de contidos, a resolución de dúbidas e consultas e, sobre todo, o fomento do intercambio de coñecementos e experiencias entre os participantes.
ESTRUTURA E CONTIDOS
Os contidos do curso divídense en 10 módulos e complementaranse con novas de actualidade que conviden á reflexión do profesorado e, sobre todo, á innovación nos procesos de aprendizaxe.
1.-A educación ambiental: concepto, proxección e alcance.
2.- Da economía lineal á economía circular: o reto dunha sociedade circular.
3.- A figura do educador ambiental: competencias, habilidades e aptitudes.
4.- Consumo responsable, consciente e informado.
5.-Loita contra o cambio climático desde o coñecemento e as boas prácticas.
6.- As ecoescolas: un paso adiante na construción dun futuro sostible.
7.- Xestión responsable dos residuos urbanos. Pormenores do modelo Sogama: labor en Galicia.
8.- Programa de educación ambiental no sistema Sogama.
9.- Deseño de accións ambientais e materiais didácticos de referencia.
10.- Hora de actuar: cara a unha sociedade da sustentabilidade
Transversalmente, proporcionarase información sobre instrumentos de divulgación empregados por esta empresa pública nas campañas de concienciación social.
Cada tema irá asociado a unha proba tipo test que os docentes deben superar para acceder ao seguinte. Unha vez completados todos o test, deberán elaborar un exemplo moi breve de actividade de educación ambiental baseada no principio dos tres erres (redución, reutilización e reciclaxe).
A formación, que arrincou onte, 1 de febreiro, concluirá o próximo 30 de marzo.
Con este, xa son 17 os cursos en liña impartidos por Sogama e dirixidos, ademais de ao profesorado, a técnicos e cargos políticos municipais, así como ás Forzas de Seguridade (Policía Local e Garda Civil).
Saúdos, Departamento de Comunicación