- Ademais de explicarlles o labor desta empresa pública en Galicia, recibiron orientación sobre as oportunidades que o sector dos residuos ofrece para a xeración de riqueza e emprego verde de calidade
Cerceda, a 14 de novembro de 2023.- Educadores de Sogama impartiron unha sesión formativa a usuarios do programa “Vives Emplea”, de Vilagarcía de Arousa (Pontevedra), para explicarlles o labor desta empresa pública en Galicia e as oportunidades que o sector dos residuos ofrece para a xeración de riqueza e emprego verde calidade. Os asistentes mostráronse moi interesados en coñecer os distintos perfís profesionais que acolle unha entidade como Sogama e como se prevé que evolucionen no tempo coas novas tecnoloxías e no marco dun modelo de economía circular orientado a transformar os residuos en recursos.
Así mesmo, expúxose o cometido desenvolvido pola compañía no ámbito da divulgación e a educación ambiental, así como a filosofía do seu sistema de xestión, baseado no principio dos tres erres (redución, reutilización e reciclaxe, incluíndo a compostaxe), que complementa coa valorización enerxética da fracción non reciclable mediante a súa transformación en electricidade.
Neste sentido, douse a coñecer a infraestrutura industrial da que Sogama dispón nestes momentos (1 complexo medioambiental, 4 plantas de biorresiduos, 37 plantas de transferencia e 1 vertedoiro controlado de apoio) e que dá servizo á meirande parte do territorio galego, concretamente a 295 dos 313 concellos que conforman a comunidade, contando cunha poboación incorporada de máis de 2,2 millóns de habitantes.
Sobre “Vives Emplea”
Vives Emplea é un programa gratuíto que ensina a buscar emprego de maneira diferente e en equipo, prestando atención personalizada, ofrecendo formación actualizada e poñendo aos interesados en contacto directo coas empresas.
O programa é semipresencial e, co mesmo, os usuarios melloran as súas competencias para o emprego, adquiren competencias dixitais, melloran as súas habilidades de comunicación e negociación, traballan as súas habilidades sociais e a motivación, e participan en eventos de emprego e talleres con empresas.
Saúdos, Departamento de Comunicación