- Levarase a cabo o vindeiro mércores, día 26, e os destinatarios serán os escolares que participan no “Campus Multideportivo Move-T” durante os meses de verán
- Monitores desta empresa pública proporcionarán aos participantes unha serie de pautas sobre consumo responsable e reciclaxe, e acompañarannos durante os labores de limpeza que se realizarán nun areal próximo, onde recollerán residuos para a súa correcta xestión
Cerceda, a 24 de xullo de 2023.- Monitores de Sogama desprazaranse o vindeiro mércores, 26 de xullo, ao Polideportivo Municipal do Concello de Poio (Pontevedra) para impartir unha xornada teórico-práctica sobre xestión sostible de residuos municipais. Os destinatarios serán escolares con idades comprendidas entre os 6 e os 16 anos que participan no “Campus Multideportivo Move-T Co 7 a 9” durante os meses de xullo e agosto, sendo o seu obxectivo facilitar a conciliación familiar dos pais e nais dos menores, inculcar a práctica do deporte (fútbol sala, taekwondo, atletismo, defensa persoal, béisbol, balonmán ou bádminton) e divulgar hábitos de vida saudables.
Ademais de todo isto, o programa nútrese con outras moitas actividades didácticas tales como excursións, visitas a ecogranxas e mesmo ao Parque Acuático de Cerceda (A Coruña).
A colaboración de Sogama centrarase en proporcionar aos participantes unha serie de pautas sobre consumo responsable, incidindo na necesidade de previr e diminuír a cantidade de residuos producidos, de separalos en orixe por tipoloxías e depositalos posteriormente nos contedores axeitados para propiciar a súa reciclaxe e, polo tanto, a súa transformación en novas materias primas.
Así mesmo, os educadores encargaranse de explicar o cometido de Sogama, que xestiona e trata os refugallos producidos por 295 concellos galegos a través dun sistema que prioriza a redución, a reutilización e a reciclaxe dos residuos, e que complementa coa recuperación enerxética da parte non reciclable, xerando a partir da mesma enerxía eléctrica suficiente para abastecer ao 12% dos fogares galegos.
Concluída a sesión teórica, os educadores de Sogama, xunto cos escolares, dirixiranse á praia máis próxima para levar a cabo unha tarefa de limpeza e recollida de residuos, que caracterizarán e clasificarán conxuntamente. Con isto preténdese que pequenos e mozos tomen conciencia da cantidade, composición e características do lixo que acaba nos areais, e que o segreguen por tipos de materiais para que poidan ser recuperados.
Saúdos, Departamento de Comunicación