- Baixo o título “A educación ambiental na economía circular”, e con 30 horas lectivas, desenvolverase do 3 de febreiro ao 20 de marzo do próximo ano, a través do PLATEGA, estando dirixido aos docentes de educación infantil e primaria.
- O principal obxectivo desta actividade é que o profesorado tome conciencia da importancia que ten a educación ambiental para abandonar o caduco modelo de economía lineal e transitar cara a un circular no que se prime a redución de residuos e a transformación destes en recursos.
- O curso está conformado por dez temas e cada un deles irá asociado a unha proba de avaliación tipo test a fin de comprobar e medir de forma obxectiva os coñecementos adquiridos.
- O aforo está limitado a 50 prazas e a inscrición deber facerse a través de https://www.edu.xunta.es/fprofe/
Cerceda, a 5 de decembro de 2019.- Baixo o título “A educación ambiental na economía circular”, Sogama impartirá, a través do PLATEGA (Plataforma de Teleformación de Galicia), dependente da Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional, un curso online dirixido ao profesorado de infantil e primaria dependente da Xunta de Galicia.
O principal obxectivo desta actividade formativa, que se levará a cabo entre o 3 de febreiro e o 20 de marzo de 2020, contando con 30 lectivas, é que os docentes, con independencia da súa especialidade, tomen conciencia da importancia que ten a educación ambiental para abandonar o caduco e obsoleto modelo de economía lineal, definido polas malas prácticas de usar e tirar, e transitar cara a un circular no que se prime o máximo aproveitamento dos produtos, a redución de residuos e a transformación destes en recursos.
Así mesmo, daranse a coñecer as distintas áreas vinculadas á economía circular e como contribuír a este modelo de desenvolvemento desde a loita contra o cambio climático, a conservación da biodiversidade, a xestión racional do lixo e o uso eficiente dos xa escasos e limitados recursos naturais.
Igualmente, daranse a coñecer técnicas, habilidades e estratexias propias do educador ambiental, así como a capacidade de extrapolarlas a distintos campos de acción no ámbito académico.
PROGRAMA, AVALIACIÓN E AFORO
O curso está conformado por un total de 10 temas:
1.- Educación ambiental: bases teóricas e marco lexislativo de referencia.
2.- A figura do educador ambiental: habilidades, aptitudes, funcións, transversalidade e boas prácticas.
3.-Economía circular: desenvolvemento futuro.
4.- Cambio climático: ameazas e plan de acción.
5.- Uso eficiente dos recursos naturais.
6.- Formación ambiental: consumidores conscientes, consecuentes e responsables.
7.- A contribución das ecoescolas ás boas prácticas ambientais e á convivencia harmoniosa coa contorna.
8.- Construíndo unha nova sociedade circular.
9.- Deseño de actividades ambientais e materiais didácticos de referencia.
10.- A educación ambiental no modelo Sogama.
Os contidos a impartir serán complementados con materiais divulgativos de apoio e novas de actualidade.
Cada tema irá asociado a unha proba de avaliación tipo test a fin de comprobar e medir de forma obxectiva os coñecementos adquiridos.
O aforo deste curso está limitado a 50 prazas e a inscrición debe facerse a través de https://www.edu.xunta.es/fprofe/
Para calquera dúbida ou información adicional, os interesados deben dirixirse a cafi.tic.redes@edu.xunta.gal, ou ben chamando ao teléfono 981522411.
Saúdos, Departamento de Comunicación