- Unha boa parte dos cursos dirixíronse aos veciños dos concellos que, nos últimos meses, se adscribiron ao programa de compostaxe doméstica promovido pola entidade ou ben decidiron amplialo a novas vivendas.
- Así mesmo, educadores desta entidade pública impartiron charlas en diversos centros escolares para instruír ao alumnado na xestión sostible dos residuos urbanos e as bondades da autocompostaxe.
Cerceda, a 23 de agosto de 2021.- Durante os primeiros 7 meses do ano en curso, e cumprindo con todas as medidas de protección e seguridade instauradas no marco da Covid-19, Sogama impartiu 50 sesións de formación presencial sobre xestión sostible de residuos urbanos nas que participaron máis de 1.600 persoas.
Unha boa parte dos cursos dirixíronse aos veciños dos concellos que, nos últimos meses, se adscribiron ao programa de compostaxe doméstica promovido pola entidade ou ben decidiron amplialo a novas vivendas.
Na meirande parte dos casos, os entes locais solicitaron que técnicos de Sogama explicasen in situ á poboación os obxectivos da autoxestión da materia orgánica, como levala a cabo, operativa a seguir e os seus beneficios, tanto ambientais como técnicos e sociais.
Estes encontros foron aproveitados para que os participantes, ademais de solventar as súas dúbidas, recollesen os seus composteiros, así como o manual didáctico no que se detallan os pasos a seguir para obter un compost de alta calidade e que cumpra con todos os requisitos contemplados na normativa vixente co fin de que poida ser aplicado na agricultura e/ou xardinería con garantías e sen restricións.
No transcurso destas xornadas, falouse da problemática que entraña a elevada xeración de residuos e proporcionáronse as claves para propiciar a súa prevención, así como a aplicación do principio europeo dos tres erres: redución, reutilización e reciclaxe.
Así mesmo, educadores desta entidade pública deron charlas en diversos centros escolares para instruír ao alumnado na xestión sostible dos residuos urbanos e as bondades da autocompostaxe, e detivéronse en explicar o tratamento que reciben nas súas instalacións os refugallos producidos por 295 concellos, é dicir, por máis de 2.240.000 habitantes.
Respecto da bolsa amarela (envases de plástico, latas e briks), Sogama separa por tipoloxías os materiais integrados nesta fracción para o seu posterior envío aos centros recicladores correspondentes, onde se converten en novos produtos para ser reincorporados ao circuíto comercial cunha nova vida, contribuíndo desta forma ao aforro de enerxía e materias primas virxes.
Os refugallos contidos na denominada bolsa negra (contedor verde xenérico) son sometidos a un proceso de selección automática nunha planta con tecnoloxía 4.0, separando a parte reciclable, que se remite á industria transformadora, e valorizando enerxeticamente a non reciclable para xerar electricidade. De feito, a enerxía producida en Sogama equivale ao consumo do 12% dos fogares galegos.
Saúdos, Departamento de Comunicación