- Ademais de transmitir coñecementos, este tipo de encontros permítenlle ter un contacto máis directo coa poboación, coñecer de primeira man as súas inquietudes e expectativas, e recabar tamén as súas opinións e propostas de mellora para avanzar cara a unha verdadeira economía circular.
- O 50% das persoas atendidas eran veciños e veciñas de distintos municipios galegos nos que se implantou, da man de Sogama, un programa de compostaxe doméstica; o 50% restante estaba conformado por integrantes de colectivos tales como asociacións, universidades, centros escolares, etc.
Cerceda, a 18 de xullo de 2022.- A Sociedade Galega do Medio Ambiente, no seu firme compromiso coa educación ambiental da cidadanía, formou en xestión sostible de residuos urbanos a preto de 3.000 persoas durante o curso académico 2021-2022.
Debido ás restricións impostas en determinados momentos pola pandemia, o aforo dos distintos cursos impartidos por técnicos e monitores de Sogama viuse reducido en moitos casos a 15-20 persoas, polo que a empresa decidiu incrementar substancialmente o número de sesións formativas para responder á alta demanda de solicitudes.
O 50% das persoas atendidas eran veciños e veciñas de distintos municipios galegos nos que se implantou, da man de Sogama, un programa de compostaxe doméstica a fin de valorizar, mediante a súa transformación en compost, a materia orgánica seleccionada nos seus fogares. Para isto, as vivendas deben ser unifamiliares e dispoñer de terreo (xardín, horta ou terras de cultivo) no que aplicar o abono resultante, polo xeral de moi boa calidade e con excelentes propiedades para o solo.
Máis aló de explicar aos asistentes a técnica e os pasos a seguir para autoxestionar correctamente a materia orgánica, estas xornadas serven tamén para que os participantes poidan consultar as súas dúbidas e compartir experiencias entre eles, xa que recuperan unha práctica tradicional no rural galego como é a segregación dos restos orgánicos para alimento do gando e/o a elaboración de compost.
Adicionalmente, Sogama tamén foi convidada por distintas entidades (asociacións, universidades, centros escolares, etc) a impartir charlas específicas sobre recollida selectiva, a estratexia dos tres erres -redución, reutilización e reciclaxe-, a operativa da súa infraestrutura industrial e sobre as súas accións no ámbito social.
Ademais de transmitir coñecementos, este tipo de encontros permiten á empresa pública, que conta con 295 concellos adscritos ao seu sistema de xestión, ter un contacto máis directo coa poboación, coñecer de primeira man as súas inquedanzas e expectativas, e recabar tamén as súas opinións e propostas de mellora para avanzar, coa implicación de todos, cara a unha xestión dos residuos que cumpra cos parámetros da economía circular. Con isto propiciarase o abandono do xa obsoleto e caduco sistema de economía lineal, caracterizado fundamentalmente polas malas prácticas de usar e tirar.
Respecto do próximo curso, Sogama xa se atopa organizando o seu plan de acción, no que os concellos, veciños e escolares seguirán tendo especial protagonismo.
Saúdos, Departamento de Comunicación