- Nos mesmos participaron máis de 700 profesionais do ensino, técnicos e cargos políticos municipais, así como membros das Forzas de Seguridade (Garda Civil e Policía Local).
- Clasificados en básicos e avanzados, cos primeiros a entidade intentou transmitir as nocións básicas na xestión sostible dos residuos urbanos e, cos segundos, pretendeu dar un paso máis aló desgranando o concepto de economía circular.
- Aínda que con distinto nivel de complexidade, o programa dos distintos cursos está conformado habitualmente por dez temas nos que se aborda, entre outras cuestións, a problemática vinculada á elevada produción de residuos, a resposta de Europa co principio dos tres erres (redución, reutilización e reciclaxe), os pormenores da economía circular, a sociedade da reciclaxe, a compostaxe nas súas diferentes modalidades, as características do modelo Sogama e a educación ambiental.
- Superadas as probas asociadas a cada temática, os alumnos reciben os correspondentes certificados ou diplomas acreditativos.
Cerceda, a 3 de xaneiro de 2018.- Co obxectivo de contribuír á formación ambiental de distintos colectivos sociais, Sogama impartiu nos últimos anos un total de 13 cursos online nos que participaron máis de 700 persoas de distintos perfís profesionais: desde profesores (de educación infantil, primaria e secundaria ao servizo da Xunta de Galicia) ata técnicos e cargos políticos municipais (alcaldes e concelleiros) e membros das Forzas de Seguridade (Policía Local, a través da Academia Galega de Seguridade Pública –AGASP- e Garda Civil).
Clasificados en básicos e avanzados, cos primeiros intentouse transmitir as nocións básicas sobre a xestión sostible dos residuos urbanos e, cos segundos, pretendeuse dar un paso máis aló desgranando o concepto de economía circular no ámbito do lixo.
Mentres que os orientados a grupos docentes canalizáronse a través do CAFI (Centro Autonómico de Formación e Innovación), dependente da Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional, os restantes impartíronse desde a propia plataforma educativa de Sogama www.cadernoverde.gal.
En todos os casos, os servizos de titoría son prestados por dous técnicos desta empresa pública que se encargan previamente de transmitir os contidos, así como de nutrilos cada día con novas de interese e curiosidades de actualidade, creando un espazo común para que o alumnado poida deixar constancia das súas opinións e intercambie coñecementos e experiencias baixo a máxima de “Aprendendo todos de todos”.
PROGRAMA E AVALIACIÓN
Aínda que con distinto nivel de complexidade, o programa dos cursos está conformado habitualmente por dez temas nos que se aborda, entre outras cuestións, a problemática medioambiental, económica e social vinculada á elevada produción de refugallos nas sociedades modernas, a resposta de Europa ante esta situación co principio comunitario dos tres erres (redución, reutilización e reciclaxe), os pormenores da economía circular, a importancia do ecodeseño, o máximo aproveitamento dos produtos, a redución de residuos e a conversión destes en recursos, a sociedade da reciclaxe, a compostaxe nas súas diferentes modalidades, os pormenores do modelo Sogama (filosofía, alcance, infraestruturas e proxectos de futuro) e a educación ambiental.
Cada tema asóciase a unha proba tipo test a través da cal se avalía o grao de coñecemento dos participantes, debendo ser superadas na súa integridade para obter o diploma acreditativo de Sogama, no caso dos cursos efectuados a través da súa plataforma online, ou ben o certificado da Consellería de Educación no caso dos realizados a través do CAFI.
De cara ao presente ano 2019, Sogama xa está deseñando e programando novos cursos online co obxectivo de dar continuidade ao seu labor formativo e pedagóxico, creando redes de profesionais con coñecementos ambientais na materia que, sen dúbida, aportarán o seu gran de area na transición cara a un verdadeiro desenvolvemento sostible.
Imaxe: Pixabay
Saúdos, Departamento de Comunicación