- Trala adhesión deste concello coruñés ao programa de compostaxe doméstica promovido pola Sociedade Galega do Medio Ambiente, técnicos especializados impartirán un curso presencial.
- A formación terá lugar mañá, 3 de decembro, na Casa Consistorial, ás 19:00 horas.
- Con esta iniciativa, o ente local pretende contribuír á protección ambiental e ao aforro de custos.
Cerceda, a 2 de decembro de 2019.- Trala adhesión do concello de Coirós (A Coruña) ao programa de compostaxe doméstica de Sogama, no marco do cal recibiu 25 composteiros de 400 litros de capacidade e fabricados con materiais reciclados e reciclables, técnicos ao servizo desta empresa pública impartirán mañá un curso de formación presencial dirixido aos participantes.
Terá lugar, ás 19:00 horas, na Casa Consistorial, sendo o seu obxectivo explicar á veciñanza todo o proceso que conleva a autocompostaxe: desde a propia ubicación do composteiro, que debe estar en contacto coa terra para facilitar a entrada de microorganismos descompoñedores, ata os materiais que deben e non deben ser depositados no mesmo e o control de parámetros tales como o osíxeno, a temperatura e a humidade.
Os asistentes recibirán un manual didáctico de apoio, editado igualmente por Sogama, tendo a oportunidade de complementar os seus coñecementos a través do sitio web www.compostaconsogama.gal, onde poderán acceder a recursos tales como vídeos, xogos, etc
Condición indispensable é que as familias que finalmente participen nesta iniciativa habiten en vivendas unifamiliares que dispoñan de terreo (horta ou xardín) no que aplicar o compost resultante, un abono natural de alta calidade con extraordinarias propiedades fertilizantes para o solo.
Con este programa, o concello de Coirós pretende contribuír á protección ambiental e ao aforro de custos. Dado que a materia orgánica representa o 42% do peso dunha bolsa de lixo tipo, se se recicla en orixe , evítase o seu depósito no contedor verde convencional. Esta circunstancia propiciaría unha redución da frecuencia de recollida e transporte por parte dos servizos municipais e, polo tanto, unha diminución da cantidade de residuos entregados a Sogama, podendo verse minorado o importe da factura a pagar a esta compañía.
Ademais de todo iso, recupérase unha práctica tradicional en Galicia como é a segregación da materia orgánica para alimento do gando e/ou elaboración de compost.
Imaxe: Pixabay
Saúdos, Departamento de Comunicación