- Formou na materia a estudantes do CPR Daniel Castelao e tamén a escolares do CPR Ángel da Garda, pertencente ao concello veciño de Nigrán
Cerceda, a 5 de febreiro de 2024.- Educadores de Sogama viaxaron en días pasados aos municipios pontevedreses de Vigo e Nigrán para impartir, respectivamente, sesións formativas no CPR Daniel Castelao, dirixidas a estudantes de segundo curso de FP Básica, e no CPR Ángel de la Guarda, orientadas a escolares de 5º e 6º de primaria.
En ambos os dous casos, explicouse o sistema de xestión integral de residuos promovido por Sogama e no que se prioriza o principio dos tres erres (redución, reutilización e reciclaxe), engadindo ao mesmo a recuperación enerxética da parte non reciclable. Así mesmo, detallouse o proceso de tratamento ao que son sometidos os refugallos municipais no Complexo Mediombiental de Cerceda (A Coruña), onde se separan por tipoloxías para propiciar a súa posterior reciclaxe e valorizar enerxeticamente a fracción resto, extraendo da mesma a enerxía suficiente para abastecer ao 12% dos fogares galegos.
No caso dos estudantes vigueses, interesáronse en boa medida pola recuperación e reciclado de teléfonos móbiles, así como polo motivo de que algúns tipos de contedores deban abrirse por parte do usuario con tarxeta.
Os escolares de Nigrán fixeron gala dun gran coñecemento ao redor da correcta xestión dos residuos producidos nos fogares e dun elevado grao de concienciación que atesouran respecto á necesidade de que a cidadanía colabore activamente no sistema.
En todo momento mostráronse moi sensibilizados coa prevención e redución da xeración de residuos en orixe, conscientes de que representa o primeiro elo na cadea, e coa autocompostaxe. De feito, o centro dispón dun composteiro no que se deposita a materia orgánica producida pola comunidade educativa para a súa posterior transformación en compost, un abono natural de gran calidade e con extraordinarias propiedades fertilizantes para o solo, preservándoo incluso fronte a pragas e enfermidades.
Saúdos, Departamento de Comunicación